«Este verán non houbo esa fortuna de pementos de Herbón doutras campañas»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

UXÍA LÓPEZ

Antonio Martínez di que o tempo non favoreceu o cultivo

07 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A campaña de produción de pementos de Herbón coa Denominación de Orixe Protexida (DOP) rematou o 31 de outubro e, segundo conta Antonio Martínez, da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Pementos Evangelina e Gómez, resultou «moi frouxiña; non houbo esa fortuna de pementos doutros anos». Este produtor da parroquia de Padrón conta que, no seu caso, comezaron a recolección cedo, en abril, pero nos meses seguintes «non houbo os apuros doutras campañas», en alusión aos picos de produción.

«A campaña foi moi tranquila, moi levadeira en canto a traballo», asegurou onte Antonio Martínez que, xunto coa súa muller María do Pilar Gómez, integran a sociedade. No seu caso, a produción de pementos non lles dou para cubrir toda a demanda que tiveron. «A nós pedíronnos moito máis pementos dos que tiñamos para vender», asegura o veciño de Herbón, que sinala que este verán foi malo en canto ao tempo, con choiva e temperaturas que, sobre todo polas noites, non axudaron ao cultivo a ter a produción normal e foi algo xeneralizado para todos, engade.

Con moita demanda e menos oferta que outras tempadas, o prezo de venda mantívose alto. «¿Quen nos ía dicir a nós que no mes de outubro se ía vender a bolsa de pementos a catro euros?», preguntouse onte Antonio Martínez.

A presidenta do Consello Regulador da DOP Pemento de Herbón, Milagros González, tamén confirmou que a produción «foi baixa en xeral para todos os produtores». Rematada a campaña, algúns veciños, como é o caso de Antonio Martínez, optan por plantar cultivos de inverno como coliflor, repolo e mesmo leituga.