A nova árbore está chamada a ser simbólica na horta da casa da escritora, segundo dixo Anxo Angueira
17 oct 2024 . Actualizado a las 14:14 h.O Xardín de Rosalía, na casa da escritora de A Matanza, no concello de Padrón, conta dende hoxe cunha nova árbore e moi especial polo significado que tivo a súa plantación. Trátase dun buxo que é agasallo da Asociación de Gaiteiras Galegas para honrar á escritora. Ao acto asistiu o presidente do colectivo, Xoán Manuel Tubío, ademais doutros membros da directiva, xunto co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
Tras a plantación da árbore, Xoán Manuel Tubío lembrou que a Asociación de Gaiteiras Galegas e máis a Casa de Rosalía están unidas dende hai tempo por unha relación de irmandade, dende que a fundación da escritora lle propuxo tocar a alborada de Rosalía para conmemorar o nacemento da poeta. Sinalou, ademais, que para os que están na música tradicional e fan instrumentos o «buxo é unha árbore referencial», que pode vivir séculos e que, segundo dixo, «é a mellor madeira que hai no país e no mundo para facer instrumentos de vento». Nesta liña, Tubío sinalou que «o buxo galego é o máis apreciado pola cualidade que ten de densidade, dureza e brilo e a delicadeza e o son que quitan os instrumentos co noso buxo ten moito que ver co que somos, coa palabra, cos nosos poetas, co noso idioma e co noso ser, co que lle aportamos universalidade ao mundo». Por iso, concluiu o presiente do colectivo de gaiteiras galegas, «decidimos prantar un buxo neste fermoso xardín para que dentro de varios séculos dea centos de gaitas».
En palabras do Xoán Manuel Tubío, «o colectivo que representamos trae este humilde agasallo, un buxo, que queremos plantar no xardín da Casa da nosa escritora nacional, sempre rebelde Rosalía, simbolizando a unión de dúas facetas da autora de Padrón: a música e a palabra, facetas as dúas que son propias da lingua galega, o idioma máis musical que deu o xénero humano», dixo. Tubío lembrou que o buxo é «a madeira da que estaba feita a gaita de Clemente Eiras, gaiteiro de Lestrove, que tantas veces escoitaría Rosalía e que a inspirou ata o punto de lle poñer letra á Alborada que o mestre tocaba, e que forma parte do seu libro Cantares gallegos».
Pola súa banda, o presidente da Fundación Rosalía de Castro falou de que hoxe é un día sinalado para a casa da escritora porque a plantación do buxo sela unha relación estreita de colaboración coa Asociación de Gaiteiras Galegas, que axudou a celebrar a Rosalía por todo o mundo, dixo Anxo Angueira. Para el, a prantación do buxo faise nun momento axeitado porque, segundo explicou, a fundacion acaba de facer unha reforma do Xardín de Rosalía «na que intentamos incluir os grandes perfís da obra da escritora, darlle sitio ás plantas que son de Galicia, do campo florido, ás herbas humildes. O buxo vai estar á beira de árbores dos que falou Rosalía e do buxo tamén falou en varias e repetidas ocasións», afimou Angueira, quen engadiu que a nova árbore «harmoniza coa reforma da Casa e do Xardín e agrádame pensar que vai medrar na horta da casa que é de toda Galicia, especialmente daquela xente preocupada pola nosa música e a nosa cultura tradicional e dará, sen dúbida, para moitos punteiros e gaitas no futuro».
O presidente da fundación rosaliana cre que «o buxo está chamado a ser unha árbore moi importante nunha horta na que xa hai varias, como a figueira, o bambú, o loureiro dos poetas, o carballo de Guernica ou as camelias. Para min, está árbore vai ser co tempo unha ábore especialmente simbólica do Xardín de Rosalía», asegurou Anxo Angueira.
O acto rematou cos gaiteiros tocando a Alborada de Rosalía.