Protagonismo luso no Open McDonalds que coroou as promesas do xadrez galego

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

PADRÓN

ADRIÁN BAÚLDE

Ao remate do torneo de Vilagarcía entregáronse os premios aos gañadores do circuíto autonómico de promoción

12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O XV Open McDonalds pechou onte o calendario oficial do xadrez galego, en xeral, e do seu Circuíto de Promoción, en particular, cunha dobre cerimonia de entrega de trofeos na que se recoñeceu tanto os gañadores do torneo vilagarcián como os das respectivas clasificacións do circuíto autonómico.

Respecto ao campionato disputado no Auditorio da capital arousá, con 270 xogadores sentados ante os seus taboleiros ao longo do día de onte, cabe salientar o protagonismo do xadrez portugués. Por primeira vez na súa historia, o Open McDonalds contou cunha delegación do país veciño. E dos 20 integrantes do colexio Efanor de Porto saíron os gañadores do cadro Sub 10, Tiago Frutuoso, e do Sub 12, Neto Fonseca. Noé Diz, do E.X. Padrón, e Jorge Martí, da E.T.X. Coruña, impuxéronse no Sub 8 e no Sub 14, respectivamente. O Mestre FIDE vigués da E.X. Pontevedra Rubén Fernández gañou o aberto sénior.

Computados os resultados da cita vilagarciá, estes son os campións do Circuíto Galego: Noé Diz (E.X. Padrón) e Ariadna López (Ames), na categoría Sub 8; Javier Lema (E.X. Padrón) e Zaira Campelo (Oroso), na Sub 10; Luis Barreiro (E. Luguesa) e Noa López (Marín), na Sub 12; e Yago Fernández (Marquiño) e Irene Diz (C.X. Fontecarmoa), na Sub 14, cos irmáns arousáns do C.X. Fontecarmoa Ricardo e César Oubiña segundo e terceiro na última.