Padrón, Rois e Dodro presentan a ruta Rosalía nos Camiños

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

A inauguración é o sábado 21 de maio cunha andaina solidaria a favor de Amipa

07 may 2022 . Actualizado a las 00:12 h.

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu este xoves a presentación da ruta de sendeirismo que leva o nome da escritora e que está inspirada na súa obra En las orillas del Sar. Á presentación asistiron os alcaldes dos Concellos de Padrón, Rois e Dodro, que promoven a ruta, xunto co presidente da Fundación Rosalía de Castro e os concelleiros de Cultura da capital do Sar e de Dodro. 

A ruta, que é circular e ten 15 quilómetros, inaugurase de forma oficial o día 21 deste mes cunha andaina solidaria a favor da Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar (Amipa). As persoas interesadas en inscribirse nesa andaina xa poden facelo a partir de hoxe na web Emesports, pagando unha cuota de 3 euros aínda que a participación é gratuita ata os 13 anos, incluidos. 

A senda é practicamente plana e ten no monte Santiaguiño de Padrón o único punto elevado. Transcorre na súa maior parte polas beiras dos ríos Sar e Rois e pasa por algúns dos lugares importantes na vida e obra de Rosalía de Castro. «Con esta ruta pódese evocar a Rosalía, ten grande interese literario, paisaxístico e histórico», sinalou o presidente da fundación rosaliana, Anxo Angueira. Este agradeceu aos Concellos que atendese a proposta feita hai dous anos pola fundación de crear a ruta.