O mal tempo reduce a campaña de pementos de Herbón e a produción non cobre a demanda

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Os produtores coinciden en sinalar que hai moita menos cantidade da que debería, a causa das baixas temperaturas

02 ago 2021 . Actualizado a las 23:16 h.

«O tempo o é todo para o campo». Esta sinxela afirmación, escoitada en numerosas ocasións aos agricultores, serve para buscarlle explicación á pobre campaña de produción de pementos de Herbón deste verán, aínda que pobre en cantidade pero non en calidade.

A día un de agosto, no mercado hai máis demanda que oferta de pementos de Herbón, tal e como corroboran tres destacados produtores desta parroquia de Padrón: Antonio Martínez, da marca Pementos Evangelina y Gómez; José Manuel Ferro, de Pementos Carmucha e Milagros González, da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) A Pementeira. Ela é tamén a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Pemento de Herbón.

«No mes de maio e xuño houbo máis pementos dos que hai agora», di o primeiro produtor xa que, no seu caso, fixeron a plantación a cuberto cedo e tamén empezaron a recoller cedo. Ademais dos invernadoiros, agora están a producir as plantas ao aire libre pero, segundo conta Antonio Martínez, «debían estar dando pementos case ao 100 % e non están nin ao 50 %».

¿A causa? O mal tempo e, sobre todo, as baixas temperaturas das noites. «O tempo non nos está axudando nada», engade o produtor da marca Pementos Evangelina y Gómez, adherida á DOP, que precisa que «quedan as noites frías; estivo mellor tempo en maio e xuño do que fixo en xullo».

«Non sei os demais, pero eu non teño pementos abondo para atender a todos os clientes; non se dá servido a todos», asegura Antonio Martínez, que non pasa por alto que a hostalaría non está traballando como outros veráns xa que, entón, sería peor, di.

Na mesma liña fala o produtor José Manuel Ferro, de Pementos Carmucha, marca tamén adherida á DOP, e que sinala que «este ano é moi atípico. Eu non recordo unha colleita así, un verán de frío cunhas temperaturas moi baixas de noite e de meses sen sol». Ferro engade que «so houbo unha quincena de bo tempo no mes de xuño. Hai demanda e moi pouco produto e, aparte, tamén houbo moito trips». Para combater as pragas, os produtores de Herbón usan dende hai anos a loita biolóxica.

Pola súa banda, Milagros González, de A Pementeira, adherida tamén á DOP, sinala que este ano «a campaña está sendo moi frouxa porque o tempo non acompaña e hai poucos pementos, menos dos que debería haber neste tempo». A produtora lembra que o ano pasado por estas datas o pemento de Herbón foi noticia pola cantidade e a calidade do produto que había e «este ano a cantidade é pouca; o pemento é bo igual, pero hai pouco», afirma.

Ao haber menos cantidade, os prezos de venda ao público mantéñense e non caen como outros veráns nos que a produción é moito maior. Aínda así, Antonio Martínez opina que «se houbera un pouco máis de cantidade, os prezos ían manterse igual» porque, engade o veciño, en todos os mercados se está demandando este verán o pemento de Herbón.

Por segundo ano non haberá festa gastronómica

Por segundo ano, a pandemia priva á parroquia de Herbón de celebrar a festa gastronómica dedicada ao seu recoñecido pemento, tal e como confirman dende a comisión organizadora. A cita, declarada de interese turístico, celébrase dende hai corenta anos cada primeiro sábado de agosto, data que se elixiu porque, en principio, é cando máis cantidade hai. Este ano, en cambio, non é así debido ao tempo atípico do mes de xullo. A ver se mellora en agosto.