Begoña Rial: «A hostalería de Padrón sabe que non terá beneficios este ano e só busca poder traballar para resistir»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Asegura que o sector é optimista co verán e que loita para que a vila sexa un destino para turistas e veciños do entorno

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A entrada de Padrón no nivel máximo de restricións caeu coma «un xarro de auga fría» na hostalería local, que está pechada. Así o afirma Begoña Rial Angueira (Dodro, 1976), presidenta da Asociación de Hostalería de Padrón, unha entidade que arrancou hai pouco máis dun ano e que conta con 22 asociados.

-¿Como está o ánimo do sector?

-Está baixo porque se leva máis dun año sen poder traballar ao cen por cen. O último cerre foi un xarro de auga fría.

-¿Canto esperan que dure?

-Esperamos que non vaia máis alá do 22 de maio. Teremos que ir vendo se van baixando os casos estes días.

-¿Cree que a hostalaría foi responsable no cumprimento das medidas de prevención?

-A maioría, si. Como en todo os ámbitos, pode haber alguén que non cumpra, pero o 99 % si o fai.

-¿Como é traballar con tantas restricións en canto a aforo, horarios ou uso máscara?

-O uso da máscara xa está asumido e, aínda sendo molesta nalgún caso, non é un gran problema. Aforo e horarios están provocando que os clientes estean descolocados, sen saber moitas veces se van poder ir a un sitio ou non. Para manter o aforo a raia, a veces implica dicirlle a clientes que toca esperar porque non se pode superar a capacidade permitida. A maioría o entende, o que fai que o traballo para a hostalería sexa máis soportable.

-Sen peregrinos e sen turistas, cun mercado ambulante limitado ao 50 % da súa actividade e sen festas grandes como foi Pascua, ¿como aguanta o sector?

-Aguantar é o obxectivo, esperando e desexando que o verán cumpra coas expectativas e, aínda estando a medio gas, se poida aguantar para o seguinte inverno. A hostalería, en xeral, xa sabe que non volverá a ter beneficios este ano; só busca poder traballar para resistir e seguir un ano máis dando o mellor, esperando que para o 2022 se poida traballar noutras condicións.

-Esta nova paralización total da actividade, ¿podería supor o peche definitivo dalgún local?

-O que din os asociados é que, en principio, van a aguantar todos, uns con máis problemas que outros, pero todos intentan resistir porque, sobre todo, os hostaleiros e hostaleiras de Padrón gozan do seu traballo moitísimo, aínda que agora custe un pouco manter ese ánimo.

-¿Como se presenta o verán?

-Confiamos no verán; nese aspecto son todos moi positivos e nin un paso atrás. Hai cousiñas que se poderán facer e intentarase darlle un pouco de vida e ilusión desde a hostalería porque, a pesar de ser un sector tan tocado, segue a loitar para que Padrón sexa un destino para moitos turistas e veciños dos arredores.

-¿As dificultades da pandemia uniron ao colectivo?

-A directiva formouse en febreiro de 2020 pero, con todo o parón, non se puido formalizar ata despois do verán. Aí empezamos con moitas ganas, pero de novo chegaron os peches e as limitacións. Fixemos un par de actividades, pero o ánimo decaeu un pouco, aínda que estamos seguros de que teremos moitas ideas para seguir xuntos facendo cousas polo noso pobo e os nosos veciños.