"Hai que celebrar a Rosalía"

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

Os actos conmemorativos da data do nacemento da escritora reivindican que "está viva".

24 feb 2021 . Actualizado a las 15:35 h.

Unha ofrenda este mediodía en Padrón ante o monumento de Rosalía de Castro, doado polos padroneses residentes en Uruguai, puxo fin aos actos institucionais organizados pola fundación rosaliana con motivo do 24 de febreiro, día do cumpreanos da escritora, que hoxe faría 184. No acto estiveron presentes os tres alcaldes da comarca do Sar (Padrón, Rois e Dodro) xa que, como dixo o presidente da entidade rosaliana, Anxo Angueira, son unhas terras que "pisou, cantou e amou Rosalía". 

Angueira lembrou as dificultades deste ano para conmemorar a data do 24 de febreiro pero, aínda así, asegurou, "hai que celebrar a Rosalía porque con ela naceu unha esperanza para Galicia, para o pobo galego e para a súa cultura e lingua". O presidente da fundación rosaliana reivindicou que a escritora "é unha muller que está viva; está feita unha moza", dixo, e evocou a "ilusión" que tiña a autora, para "respirar e saír adiante nestes momentos tan duros; todo vai mellorar", sinalou Anxo Angueira. Este tamén lembrou que a data do 24 de febreiro xa se celebra en toda Galicia de forma "diversa, democrática, innovadora e creativa". 

O acto rematou coa colocación dunha coroa de laurel aos pes da estatuta situada no Paseo do Espolón. De alí, as autoridades municipais dirixíronse a Pulpería Rial, que onte repartiu de forma gratuita caldo de gloria, a gran iniciativa popular do 24 de febreiro. Pola mañá tamén se celebrou un acto convocado polo Concello de Rois, coa plantación dunha filla da figueira de Rosalía no Xardín dos Recordos do Pazo do Faramello. 

A conmemoración do Día de Rosalía tivo unha forte presencia nas redes sociais ata o punto de que estivo entre o máis comentado do día.