A escavación no xacemento Castro Valente descobre torres da súa muralla

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

CEDIDA

O equipo de arqueólogas presenta mañá no auditorio os resultados preliminares da intervención

22 dic 2020 . Actualizado a las 22:19 h.

O equipo de investigación do proxecto arqueolóxico Castelos no aire fixo públicos hoxe os resultados da escavación realizada a semana pasada no xacemento do Castro Valente de Padrón.  “Os obxectivos desta campaña eran coñecer o estado de conservación do xacemento e, de ser posible, poder realizar unha hipótese a respecto das cronoloxías de ocupación” explica Mario Fernández-Pereiro, director do proxecto, que considera que "estes obxectivos foron conseguidos.”

O doutor en Arqueoloxía pola USC explica que durante a campaña arqueolóxica realizáronse tres sondaxes situadas na zona noroeste do xacemento. Nunha delas, situada no interior do recinto, localizouse un muro en moi mal estado de conservación, pertencente a unha estrutura de funcionalidade indeterminada. “Non podemos definir polo momento moito máis esta estrutura; sería necesario ampliar a zona escavada no futuro” sinala José Carlos Sánchez-Pardo, co-director da intervención.

As outras dúas sondaxes foron realizadas na muralla do Castro Valente. “Falando ca xente da contorna, confirmaron que o topónimo do Castro Valente é a Cerca e isto ven porque a muralla deste xacemento é espectacular” explica Mario Fernández-Pereiro.  "Poucos lugares conservan a súa muralla como este, onde é posible distinguila a simple vista, sen necesidade de escavar”, engade o director do proxecto. 

As sondaxes deixaron a vista un tramo de dous metros do lenzo da muralla, tanto pola súa cara interior como exterior, e un esquinal dunha torre. “Temos documentación de finais do século XIX e comezos do XX que falan da existencia de máis dunha trintena de torreóns cuadrangulares e semicirculares ao longo da muralla do Castro Valente”, afirma  Mario Fernández-Pereiro. “Nesta intervención escavamos parcialmente unha torre cuadrangular e localizamos outras cinco. Isto é unha novidade, xa que non se coñecen moitos recintos amurallados con torres con tanta antigüidade, o máis ‘próximo' sería a muralla de Lugo", explica o arqueólogo.

Rematado por agora o traballo de campo, queda por diante procesar e ordenar toda a información recollida. "O cálculo é que un día de traballo no campo son dous-tres días no laboratorio”, di Mario Fernández-Pereiro, ao que José Carlos Sánchez-Pardo engade "aínda queda moito traballo”.

Os responsables do proxecto e o equipo de arqueólogas que traballaron no xacemento presentarán mañá en Padrón os resultados preliminares da escavación. Serás ás 8 da tarde no auditorio municipal. 

O proxecto Castelos no aire está financiado pola Deputación da Coruña a través das Bolsas de Investigación 2020, outorgada ao Doutor Mario Fernández-Pereiro. Para esta escavación contan co coa colaboración e financiación do proxecto de investigación Territorio e Poder Monástico na Idade Media. Unha aproximación comparativa (TERPOMED) do Doutor José Carlos Sánchez Pardo e financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia na convocatoria Proxectos de Excelencia: Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

O traballo foi realizado en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos. Igualmente conta co apoio das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Castro Valente e Barreiras, Morono e Bandín; e coa colaboración do Concello de Padrón.