Anxo Angueira renova como presidente da Fundación Rosalía de Castro

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

ANA GARCIA

Foi elixido por unanimidade polo pleno da entidade cultural de Padrón

18 dic 2020 . Actualizado a las 19:29 h.

Anxo Angueira renova como presidente da Fundación Rosalía de Castro de Padrón durante catro anos máis. O profesor da Universidade de Vigo foi elixido por unanimidade nun pleno celebrado a última hora da tarde de onte e no que era o único candidato. 

Xunto con el, forman parte da candidatura que resultou gañadora Ana Blanco como vicepresidenta; Xosé Carlos Beiró como secretario; Xosé García Lapido como tesoureiro; e como vocais Xosé Luís Axeitos, María López Sández e Chus Pato. 

Ademais, a fundación deulle a benvida a tres novos membros: Ana Acuña, María López Sández e Xosé García Lapido; e agradeceulle o traballo a Justo Cortizo, o tesoureiro da entidade durante tantos anos, que deixa o posto pero continúa no pleno da fundación.

Anxo Angueira foi elixido presidente desta entidade en 2012. Desde entón as visitas á Casa-Museo incrementáronse nun 260%, segundo informa a propia fundación, pasando de 8.655 en 2012 a 22.463 en 2019. Ao mesmo tempo, a entidade pasou dunha taxa de autofinanciamento do 20% en 2012 a un 45% en 2019, grazas á subscrición popular que ten en marcha.

Dende 2012, a Casa de Rosalía incrementou tamén exponencialmente os proxectos e actividades. Aparte da reforma do interior do inmoble de A Matanza, en Padrón, e da súa renovada musealización, catalogou e dixitalizou todo o fondo documental e acondicionou unha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores; dinamizou a súa presenza na web e nas redes sociais; incrementou o seu patrimonio coa chegada de novos obxectos, artísticos ou non, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía; publicou a súa Obra completa, entre outros libros; relanzou a celebración do Día de Rosalía e puxo en marcha ducias de actividades ao longo do ano: a homenaxe ao mundo do mar, o festival Abride a Fiestra, sen contar múltiples exposicións, conferencias, roteiros, teatralizacións e visitas guiadas, tal e como destacan desde a propia fundación.