Promoven unha cata arqueolóxica no monte Castro Valente, na parte de Padrón

A intervención enmárcase nun proxecto de investigación que está dirixido polo arqueólogo Mario Fernández para saber máis dun xacemento pouco explorado


padrón / la voz

Castelos no aire. As fortalezas como símbolo do poder aristocrático na Gallaecia (400-600 e.c.) é o nome do proxecto de investigación dirixido polo doutor en Arqueoloxía Mario Fernández Pereiro, financiado pola Deputación da Coruña a través das Bolsas de Investigación 2020 e realizado dentro do Grupo Sincrisis. Investigación en Formas Culturais da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago.

O proxecto arrancou en outubro, ten unha prolongación dun ano e, entre os plans previstos, unha escavación arqueolóxica no monte Castro Valente, tamén coñecido como A Cerca por moitos dos veciños que residen no seu entorno, situado no límite das parroquias de Herbón e Carcacía, no concello de Padrón, e Barcala, no de A Estrada. A intervención será no cumio, en terreo das parroquias padronesas.

Deste xeito, en dúas semanas, aproximadamente, está previsto realizar a escavación para determinar o estado de conservación do castro e a súa cronoloxía, para deseñar estratexias futuras, segundo explica o director do proxecto. Para a intervención no Castro Valente, conta coa colaboración do proxecto de investigación Territorio e Poder Monástico na Idade Media. Unha aproximación comparativa (Terpomed), do doutor José Carlos Sánchez Pardo, financiado pola Consellería de Cultura na convocatoria Proxectos de Excelencia: Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

Dos traballos de campo encargarase a empresa Tempos Arqueólogos.

De acordo con Mario Fernández, «sábese moi pouco» do xacemento de Castro Valente, pese a que é o terceiro recinto amurallado mellor conservado que hai da súa época. Precisamente o descoñecemento sobre o mesmo, máis alá de que foi un territorio fortificado e ocupado despois do Imperio Romano, arredor do século V, é unha das súas características. Por iso, un dos obxectivos da escavación é «coñecer un pouco máis, de modo que calquera cousa que atopemos será unha novidade», asegura o director do proxecto, que xa dedicou a súa tese doutoral a Castro Valente. Ten arredor de 11 hectáreas no seu recinto amurallado, que é a que mellor se conserva, pero non se descarta que existan outro tipo de estruturas na ladeira do monte. A escavación arqueolóxica intervirá nun anaco do sistema defensivo do xacemento, co fin de obter máis datos sobre el: modo de construción e antigüidade, entre outros.

O proxecto de Mario Fernández ten outra pata de interese para a comarca de Padrón, neste caso para revisar os traballos feitos en torno á cidade romana de Iria-Flavia, co fin de xuntar datos para futuras actuacións.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Promoven unha cata arqueolóxica no monte Castro Valente, na parte de Padrón