Un libro de fotografías inmortaliza a homenaxe Inchadiña Branca Vela

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

MERCE ARES

O autor é Eduardo Rivo, que seguiu as sete edicións da actividade da Fundación Rosalía

24 jul 2020 . Actualizado a las 20:39 h.

A homenaxe das xentes do mar a Rosalía de Castro, que organiza a fundación padronesa baixo o título de Inchadiña Branca Vela, xa está inmortalizada nun libro de fotografías tomadas polo ciruxán e fotógrafo Eduardo Rivo, de Manselle, en Dodro. Autodidacta e independente, Rivo forma parte, ademais, do grupo Galeoska (galegos coa arte) e é membro da Escola de Navegación Tradicional Dorna da Illa da Arousa, de modo que ten competido nas regatas do circuíto galego de dornas a vela.

Xunto co autor, ao acto de presentación do libro, celebrado no auditorio municipal de Padrón, asistiron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, a concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso e o presidente da Asociación Cultural Dorna da Arousa, Salvador Allo.

Foi este último, precisamente, quen falou de que coa publicación do libro se pecha un círculo xa que o poema Inchadiña Branca Vela foi escrito (Rosalía); musicado (Amancio Prada e Secho) e ahora está en imaxes, todo para recoller un «sentimento», o de remontar o Ulla e o Sar para homenaxear á escritora pero tamén «para darlle mérito ás embarcacións dos meus pais, avós e demais...», dixo.

Para Anxo Angueira, o libro, que contén 101 imaxes en branco e negro das sete edicións da subida de dornas, é «unha testemuña estética e documental de valor incalculable, que retrata un soño feito realidade», o de volver a ver as velas das dornas e outras embarcacións tradicionais polo mar (ríos Ulla e Sar), tal e como Rosalía os puido ver nos seus versos e tal e como está na memoria de moita xente. Anxo Angueira tamén destacou a «xenerosidade» do autor que, ademais de ser protector da Casa de Rosalía, cedeu todos os dereitos de venda do libro á fundación padronesa.

Pola súa banda, Eduardo Rivo falou de que a publicación responde a un desexo de documentar, difundir e presevar da mellor maneira a actividade da Inchadiña Branca Vela ao tempo que, para e, supón unha encrucillada de emocións. Por un lado, a fotografía, que o acompaña toda a vida; por outro o río Ulla, que para el era o mar que percibía cando residía en Pontecesures, aínda que é natural de Ourense; as terras ás que pertence, as de Iria e, como non, Rosalía de Castro, á casa da que foi con 6 anos e cuxos valores descubriu xa no instituto.

Esta tarde celébrase unha nova edición de Inchadiña Branca Vela, este ano marcada polas limitacións da situación sanitaria polo que, cara a Padrón, navega nestes momentos O Piueiro, unha embarcación tradicional da Guarda con vela dedicada a Rosalía (e o lema Eu son libre), acompañado dun par de dornas. Está previsto que cheguen a altura do Paseo do Espolón sobre as sete e media da tarde.