Anxo Angueira: «Sobrevivimos estes meses grazas ao apoio dos que se fixeron amigos»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

O 15 de xullo non haberá actos como outros anos na Casa Museo de Rosalía de Castro, pero «temos confianza no futuro», afirma

05 jul 2020 . Actualizado a las 23:29 h.

Chove miudiño en Caldas de Reis, onde Anxo Angueira se presta amablemente a conversar sobre Rosalía de Castro e a súa Casa Museo de Padrón.

-Aberta desde xuño?

-Estamos abertos dende principios do mes pasado. Fixemos un esforzo, porque Rosalía é un referente cultural, e a cultura foi un espazo moi afectado durante este tempo; aínda que non veu moita xente.

-Tiveron que facer moito investimento para acondicionar a Casa Museo?

-Non, afortunadamente non houbo que gastar moito. Pero agora só pode haber no seu interior entre 30 e 40 persoas, e por sala entre 3 e 5. Claro que se aparece unha unidade familiar máis ampla, podemos consentir algo máis. Tampouco se poden usar as pantallas interactivas, nin tocar as prendas nin os libros da tenda. O certo é que todo o mundo é respectuoso coas normas e non tocan nada.

-Pero suporía moito quebranto o peche obrigado.

-Moito. Os da primavera son meses moi bos, porque recibimos moitos escolares, grupos e visitantes en xeral. Foi un golpe importante, xa que nós vivimos das entradas.

-Así que este ano caerán as estatísticas.

-Para nada imos chegar aos 22.000 visitantes que tivemos no ano 2019. Cada día 15 de xullo, aniversario do pasamento de Rosalía, abríamos a casa a unha morea de actos, enchíamos a horta, pero agora non se poderá facer nada disto en bastante tempo. Malia todo, temos confianza no futuro.

-A horta-xardín é un gozo e unha vantaxe para acoller xente, aínda que sexa con máscara e distancias.

-A horta é unha sorte, un lugar aberto e interesantísimo. Sen dúbida.

-Amancio Prada cantou alí hai tres anos.

-Foi un serán inesquecible en que celebrabamos o final das obras, a nosa reapertura cunha casa reformada desde o punto de vista do discurso museístico. E daquela cantou ese referente da cultura galega de todos os tempos que é Amancio Prada.

-Como vai o programa de captación de amigos?

-É un programa que puxemos en marcha a principios de ano e, malia o confinamento, estamos moi contentos coa resposta da xente, tanto en doazóns como en doadores; aínda que neste momento non dispoño das cifras. Axiña empezaremos a enviar os carnés acreditativos.

-Foi unha iniciativa afortunada coa que nos viña enriba.

-Sobrevivimos este meses grazas ao apoio económico dos que se fixeron amigos. Non esquezamos que, ollando cara atrás, a Casa de Rosalía fíxose grazas ao esforzo desinteresado, particular, institucional e asociativo de moitos galegos e galegas. Isto foi así historicamente, e así quixémolo recuperar.

-Seguro que a xente está encantada con esta posibilidade de colaboración.

-Así é. Moita xente quería estar á beira de Rosalía, sentirse implicada, pois esta é a maneira. Por outra parte, tratábase tamén de estender esta fórmula de patrocinio que funciona moi ben nas culturas próximas, ese afán de protección; pois se o queres, protéxeo. Era algo que nos pedía a xente e esta é a canle. A Casa de Rosalía é a casa de todos nós.

«É un tópico que Santiago era un cemiterio para Rosalía, díxoo en repetidas ocasións»

As páxinas deste xornal recolleron recentemente unha carta de Rosalía a seu home, Manuel Murguía, na que lle dicía tras viaxar de Galicia a Madrid que Santiago non era unha cidade, «é un sepulcro», a teor da tristeza, a soidade e o frío que facía.

-Está claro que non lle gustaba a súa cidade natal.

-É un tópico que Santiago era un cemiterio para Rosalía. Díxoo en repetidas ocasións, mesmo na súa obra En las orillas del Sar. A ningún dos dous lles gustaba Santiago, malia que viviron alí moitos anos e alí escribiu ela Cantares gallegos.

-Así e todo, tamén na súa obra se recolle o seu gusto polos barrios.

-Non lles gustaba o Santiago monumental, pero amaban Conxo, Cornes, San Lourenzo, Belvís… Pero sobre todo Conxo, onde ela nacera -xa que daquela era concello-, pero tamén polo referente histórico que para eles supuña o acontecemento político e estudantil chamado O Banquete de Conxo; mesmo pola súa relación de mocidade e, probablemente, de parella.

-Tamén manifestou preferencia pola Coruña.

-Así é. Eles amaban A Coruña. Murguía morreu na Coruña, e alí pasaron diferentes épocas. Igualmente amaban Padrón, Lestrove, Terra de Iria, onde Rosalía quixo morrer na súa casa; aínda que en realidade non era súa, era alugada, como todas as casas onde viviu Rosalía. Nunca tiveron casa propia en ningures.

-A Fundación vén de convocar o II Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijóo.

-Si, o seu fin é contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai dende o Rexurdimento ata a Xeración Nós.