Xosé R. Bustelo: «Aos 10 anos sobreviven o 55 % dos doentes de cancro, hai que mellorar»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

PADRÓN

Sandra Alonso

En España, xa se diagnostican cada ano máis de 270.000 tumores e son a causa de case 120.000 mortes, di

19 jun 2020 . Actualizado a las 14:05 h.

No ano 2030 está previsto detectar un novo caso de cancro en España cada 1,8 minutos e unha morte por cancro cada 3,8 minutos. Así o salienta a Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (Aseica), que preside Xosé R. Bustelo (Padrón, 1962), quen en setembro recollerá en Santiago o premio de investigación oncolóxica Ramiro Carregal 2020 «pola súa brillante carreira investigadora e académica, con liñas de investigación sólidas, que deron lugar a avances importantes», segundo o recente fallo do xurado. Formado en Bioloxía na USC, ampliou estudos nos Estados Unidos. Exerce no CSIC, no centro de investigación do cancro de Salamanca, e é un referente nesta disciplina, con proxección internacional.

-Cal é a realidade do cancro?

-Cada ano son diagnosticadas en España máis de 270.000 persoas de cancro, que é a causa dunhas 120.000 mortes. Aos 10 anos sobreviven o 55 % dos doentes, hai que mellorar esta cifra, aínda que hai moitas diferenzas.

-Que diferenzas destaca?

-Algúns cancros de mama, ou de testículo, case se curan xa ao 100 %; e outros, como os de páncreas ou pulmón, mais difíciles de controlar, teñen unha supervivencia aos 10 anos por debaixo do 10 %. Temos que aprender a detectar mellor estes tumores e buscar novas terapias eficaces para os poder atallar, ese é o reto para os próximos anos.

-Investiga o cancro hai tres décadas, que avances salienta?

-Houbo avances en cirurxía, radioterapia, quimioterapia; e en novas técnicas e tratamentos eficaces. Mellorou moito a calidade de vida e a supervivencia dos doentes. Agora, nas operacións dos cancros, non se fan extirpacións tan extremas como antes, que deixaban as persoas moi eivadas para o resto da súa vida.

-Que recomenda para mellorar?

-O cancro son alteracións xenéticas que se producen a medida que as células se dividen. Canto máis vivamos, máis probabilidades hai de ter un cancro. Depende tamén moito dos nosos hábitos de vida, como o fumar no cancro de pulmón; ou tomar o sol en exceso no melanoma e outros de pel. Por iso hai que combinar a prevención, con maior investigación para desenvolver novas terapias eficaces contra o cancro. Son as dúas estratexias para mellorar a supervivencia.

-Como biólogo, foi acertado escoller o cancro para investigar?

-Si. Primeiro, polo elevado impacto social que supón traballar cunha doenza con tan alto custe social, familiar e económico; o que se faga por entender mellor o cancro sempre interesa. E dun punto de vista de biólogo, o cancro é un proceso apaixonante: entender as mudanzas que se producen nas células e no organismo, como a célula tumoral ataca o sistema inmune, ou como actúa para superar os controles que ten o organismo para eliminar as células tumorais é fascinante. Comprender os procesos que van mal na célula tumoral, e como combater con éxito esa célula, para min é apaixonante.

-Tras 10 anos en Estados Unidos, valeu a pena regresar para España no ano 2000?

-Naquela altura si, porque había moito apoio e víamos unha intención política de favorecer o desenvolvemento científico. Regresaron moitos outros científicos, mesmo figuras como Mariano Barbacid ou Eugenio Santos. Se fose hoxe, polos retrocesos que houbo os últimos anos, seguramente o pensaría mellor.

-Ten colaboracións con Galicia?

-O meu equipo colaboramos co grupo de José Tubío en estudos sobre xenoma e cancro; e tamén sobre outros temas, como doenzas metabólicas, cos grupos de Carlos Diéguez e Rubén Nogueiras, do Cimus de Santiago.

-En xaneiro ingresou na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), cal será a súa función?

-A RAGC debe axudar aos poderes políticos para tomar decisións, e concienciar á sociedade da importancia da ciencia. O actual presidente está nesa liña e colaborarei no que me pidan.

-Como valora o premio Carregal 2020?

-Os premios son unha satisfacción, pois recoñecen o traballo científico, bastante calado, no laboratorio. Estou agradecido ao xurado; e ás persoas que traballan comigo, pois é o premio para un esforzo colectivo e de anos.