Silvia Carnero: «Pedinlle ás clientas que non caian na tentación de tinguir o pelo na casa»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

PACO RODRÍGUEZ

Defende o uso de tinturas orgánicas e pide esperar a que remate o confinamento

10 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre todas as mensaxes que estas semanas inundan as redes sociais hai unha que chama a atención: a dun salón de peiteado de Padrón que se acorda das súas clientas e lles pide que «non vos preocupedes pola cor do pelo: sei que moitas necesitades poñela, pero desexo que non caiades na tentación de comprar a tintura no supermercado e poñela na casa. Anímovos a esperar, xa que, total, non se pode saír da casa».

Esa mensaxe foi colgada o 22 de marzo e detrás dela está Silvia Carnero Ares (Santiago, 1983), unha profesional que rexenta en Padrón o salón de peiteado e de beleza Silvia’s Look. Para maio fanse cinco anos des que abriu o negocio, e dende a súa casa de Leroño, no concello de Rois, onde reside, a peiteadora explica que «a mensaxe ten a súa lóxica: é difícil volver á mesma cor de pelo, ou máis clara, tendo en conta que eu uso produtos orgánicos».

Non obstante, o pasado sábado, tras confirmarse que o confinamento se alonga, Silvia colgou outra mensaxe na que explica que, se algunha clienta ten que poñer a cor «realmente por necesidade», pode chamala para axudarlle coa elección da tintura.

Foi este ano, precisamente, cando o establecemento de Silvia se botou fóra practicamente de todo o químico e introduciu de cheo os parámetros do Eco-salón, con tratamentos orgánicos e un traballo de respecto polo medio natural, de modo que tarefas básicas como lavar, cortar ou poñer a tintura -neste caso a base de plantas- fanse dun modo natural, segundo conta a titular.

Silvia Carnero relata que estas semanas se acorda moito dos seus clientes (o salón é mixto), que ás veces ten medo de perdelos e tamén «do que tes que facer á volta. Non é o mesmo poñer tintura a unha raíz de pelo dun mes que a unha de dous meses, porque antes do confinamento todo o mundo estaba alongando un pouco de cara a poñela máis preto da Pascua», expón.

Ás clientas tamén lles manda mensaxes de ánimo, que «fan falla», di. Explica que empezou cos materiais orgánicos hai tres anos, despois de ter uns problemas de saúde e de que lle dixeran que podían estar relacionados coa exposición aos produtos químicos, polo que corría o risco de «ter que deixar de traballar» a longo prazo, explica.

A partir de aí, Silvia empezou a formarse en Madrid e Barcelona no ámbito da tintura con plantas e «coñecín outro mundo que me encantou, sen contar que eu sempre fun moi respectuosa comigo mesma e, por tanto, tamén quería selo cos demais e co planeta», relata. Deste xeito, empezou a coñecer produtos novos, «respectuosos e máis acordes coa miña forma de pensar», ao tempo que atopou en Padrón unha clientela que o valorou, quizais, sinala, porque se dá conta de que «o estado do pelo é distinto», explica a profesional.

«Coa cor con plantas non o estragas para nada. É certo que non podes facer tantas cousas, pero tamén está a coloración con aceite, coa que podes aclarar o pelo», engade. A súa mensaxe, por tanto, ía na liña de recordar que as súas clientas usan «produtos nada comparables cos que podes atopar nos supermercados, e se usan estes poden estragar moito o traballo xa feito de antes», en alusión ao coidado do pelo e ás cores das tinturas orgánicas, explica.

En canto ao cese da actividade, a peiteadora recoñece que o leva mal. Aínda así, tamén sinala que «téñolle moito medo a esta enfermidade, e prefiro que se sexa un pouco cauto e seguir na casa, para saír con seguridade». Por outra banda, tampouco entende como en principio os salóns de peiteado podían abrir, xa que, explica, «nós tamén nos expoñemos ao estar tan preto do cliente, e temos medo».