Carlos Silva: «Na cuarentena hai que ter unha rutina diaria para non desesperar»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

O pediatra de Dodro e Rois deu negativo en dúas análises e espera volver á consulta a finais de mes

20 mar 2020 . Actualizado a las 14:01 h.

Tras detectarse hai unha semana varios casos de positivo de coronavirus entre o persoal sanitario do centro de saúde de Dodro e atendendo aos protocolos establecidos, o pediatra deste servizo e do de Rois, Carlos Silva Hermo, de 65 anos, permanece en cuarentena na súa casa de Vilar, en A Escravitude, no concello de Padrón, aínda que el deu negativo en dúas análises.

-Como se atopa?

-Moi ben; coma sempre. Non percibo cambios de ningún tipo. Considero que estou san.

-Vai cumprir unha semana en cuarentena. Como está sendo a experiencia?

-Non é moi agradable, pero é imperiosamente imprescindible. Hai que cortar a transmisión do virus, que é contaxioso, moito, pero moito máis transmisible que o da gripe. Aparte que as complicacións, se se presentan, poden ser severas e os efectos secundarios ás veces son permanentes e graves, aínda que non sempre acontece. Para a cuarentena, hai que facer unha rutina de actividade diaria para non desesperar. No rural é mellor de levar aínda que eu, estando afeito a traballar diariamente, boto de menos a actividade habitual. Para min, tamén é unha mágoa non poder estar traballando neste momento de emerxencia, no que precisamos todo o persoal sanitario, que habitualmente xa é escaso ou, mellor dito, xusto.

-Que protocolo ten que seguir na casa?

-Mentres non souben os resultados negativos das análises, procurei estar afastado da familia. Onde vivo eu, na aldea, teño particularmente máis facilidades. Deste xeito, mentres non me confirmaron as probas negativas, exercín o illamento familiar; con duchas diarias nun baño aparte; toallas distintas; lavado de mans utilizando unha dilución de auga, lixivia e xabón que é moi fácil de facer na casa; cambio de roupa e lavala independentemente; comer fóra de hora e afastado dos familiares foron algunhas das medidas que adoptei. E no meu caso, agora, tras as análises negativas, rematar a poda da viña e dos kiwis na horta da miña casa.

-¿Cando ten previsto incorporarse ao traballo na consulta?

-Por protocolo, por estar en contacto con persoal enfermo, debo estar alomenos quince días apartado. Xa no mesmo día de coñecer os resultados positivos dos compañeiros do centro de saúde de Dodro me chamaron por teléfono ás once da noite do servizo de Medicina Preventiva e Risco Laboral, para comunicarme a cuarentena. Así que, polo trinta deste mes, conto de estar traballando de novo, salvo que xurda algún cambio nos protocolos ou imprevisto.

-Como médico, sente temor a volver á consulta?

-Non e non. Hai que estar para o que estamos preparados; é a nosa obriga. Hai que coidarse persoalmente e, deste xeito, tamén se coida aos doentes. Debo recoñecer que boto de menos a consulta e estou agardando a poder integrarme no grupo de sanitarios do servizo de Padrón canto antes sexa posible. Nun proceso como este, fai moita falla o persoal e cónstame que xa hai compañeiros dobrando garda en Padrón.

-O seu test negativo fíxose público polo nerviosismo que había entre parte da poboación dos concellos nos que traballa, sobre todo entre familias con nenos. Que lles diría?

-Que podemos estar tranquilos porque as miñas dúas probas deron negativo. Non estou enfermo e, polo tanto, non podo contaxiar. Contaxia quen está enfermo, que non é o meu caso, polo que todos tranquilos.

-Como sanitario, como valora a situación actual derivada da pandemia?

-Para ter que pechar e cesar a actividade, que xa era visto e de farto coñecido e aconsellado por especialistas, incluída a Unión Europea, a Organización Mundial da Saúde (OMS) e os servizos profesionais de epidemioloxía, xa se debeu facer antes, no mes de febreiro. E non andaríamos de manifestación durante un mes pasando o virus de ti a min. É unha mágoa e moita irresponsabilidade política ante unha grave pandemia. O mesmo que a gripe ten un tempo polo que hai que pasar e remite sola na maioría dos casos, sen tratamento específico, aínda que o problema son os doentes con complicacións severas, este virus segue un patrón similar, pero é máis contaxioso. Por iso, é básico e fundamental que a poboación sexa responsable.