A Casa de Rosalía abre unha subscrición popular para ser independente e asegurar o seu futuro

A campaña quere implicar a persoas individuais, pequenos negocios, grandes empresas e entidades públicas


Padrón

A Fundación Rosalía de Castro, con sede en Padrón, anunciou hoxe que abre unha campaña de subscrición popular para reafirmar a súa independencia económica e asegurar o seu futuro. Deste xeito, quere implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da "causa común" da Casa de Rosalía, que "é a causa común de Galicia", en palabras do presidente da fundación, Anxo Angueira. 

Dende hoxe, calquera persoa poderá converterse en Amiga ou Amigo da Casa de Rosalía e apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural da institución, así como a súa sostibilidade financieira. Os pequenos negocios tamén poderán facerse Protectores desde 60 euros ao ano e as grandes empresas poderán exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros. Desde hoxe tamén é posible colaborar con esta institución a través do voluntariado.

Este novo proxecto da Fundación Rosalía será presentado mañá no Culturgal (Espazo Foro) e calquera persoa ou entidade pode unirse alí mesmo, onde a fundación ten un stand propio, pero tamén na propia Casa-Museo de A Matanza ou a través da súa web, que hoxe se renova por completo con moitas novidades. 

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración, polo que esta é a segunda subscrición popular. 

A Casa-Museo xa ten unha taxa de autofinanciamento do 41% en 2018, que evoluciona desde un 20% en 2012, cifra considerable na nosa contorna cultural, “mais entendemos que cómpre aínda percorrer camiño na procura dun mellor servizo a prol da difusión do legado de Rosalía e da súa familia”, afirma Anxo Angueira. A evolución das visitas á Casa tamén "é positiva": incrementáronse desde 2012 ata 2018 nun 237% (de 8.655 a 20.571).

A Fundación Rosalía quere continuar neste camiño para “asegurar o seu presente e, sobre todo, o seu futuro, para seguir avanzando na mellora da Casa-Museo, da súa xestión e dos seus servizos”, explica o presidente, que engade que é xa un dos museos galegos máis visitados “e debe estar na vangarda cultural e ser un referente a nivel nacional e tamén internacional”.  

 

 

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

A Casa de Rosalía abre unha subscrición popular para ser independente e asegurar o seu futuro