Manuel Vigo: «A banda de Padrón foi moi sonada»

Empezou como músico aos 15 anos na formación do Carrandán de Lestrove, que en 1955 se integrou na padronesa e na que estivo máis de 25 anos


padrón / la voz

Aos seus 80 anos, Manuel Vigo García, veciño da aldea de Sinde, na parroquia de Carcacía, en Padrón, é historia viva das bandas de música das Terras de Iria, esas que rescata da memoria o historiador padronés Eloi Rodríguez no seu libro Os Sons do Pobo. Bandas de Música nas Terras de Iria. Para escribilo, o autor recorreu a fontes populares como Manuel Vigo, que é en si mesmo un libro aberto para saber máis da Banda do Carrandán, que dirixía o seu tío cando el entrou con 15 anos, e da de Padrón.

A paixón pola música de banda lévaa no sangue, de modo que foi o seu pai, Celestino Vigo, natural de Lestrove, quen lle ensinou as «primeiras notas musicais», antes de saír a tocar con 16 ou 17 anos. E para non parar, xa que a música sempre o acompañou, segundo conta Manuel Vigo. El empezou tocando o trombón, pero o seu instrumento foi e segue sendo o bombardino, que onte tocou coa Banda de Música de A Estrada con motivo do concerto de Santa Cecilia.

«Meu pai tocábao mellor ca min e berraba comigo moitas veces, pero eu era novo e pensaba que non era certo», narra Manuel, que parece revivir eses comezos cando fai o relato. «Sigo tocando, pero non teño as mesmas facultades», asegura con humildade.

Na Banda de Música do Carrandán estivo so un ano xa que esta agrupación integrouse en 1955 na de Padrón, onde pasou máis de 25, aos que hai que sumar outros tres anos na orquestra Montecarlo. «A orquestra deixeina eu porque non había puntualidade e a min a puntualidade sempre me gustou moito», explica o veciño de Sinde.

En 1970 emigrou a Suiza, onde estivo tres anos, o tempo da súa vida que estivo alonxado da música, sinala. Ao marchar, deixou a banda de Padrón e, ao regresar, volveu. Lembra que, cando empezou, «daquela un obreiro sacaba máis cartos de músico que de carpinteiro ou doutro oficio, pero porque facíamos moitísimas festas e chegamos incluso ata Vigo». En catro meses, de xuño a setembro, calcula que irían a unhas 20 festas por mes.

En Vigo, en 1962 a formación de Padrón gañou «por unanimidade» o certame de Bandas de Música organizado polo Concello e, a partir de entón, «alí xa arrasamos», rememora Manuel. Ían a tantas festas que había días nos que so tiña tempo para ir á casa a cambiar a camisa, antes de coller a bicicleta primeiro, e a moto despois, para ir a Padrón e subirse ao ómnibus de Baleirón que os levaba polas vilas galegas, segundo rememora Manuel Vidal. Asegura que a Banda de Música Padrón «foi moi sonada», xunto coa de A Estrada, e máis ao gañar o certame de Vigo. Outras vilas as que ían todos os anos eran as da comarca do Barbanza, de modo que, por exemplo, no Porto do Son pasaban cinco días seguidos.

O veciño de Sinde é funcionario xubilado despois de traballar máis de vinte anos como conserxe no instituto de Formación Profesional de Padrón, na Xunta en Santiago e, finalmente, no instituto Camilo José Cela da vila.

Nos comezos como músico aproveitou os instrumentos do pai pese a que, di, «eran cativos de todo». O bombardino que toca actualmente ten uns 16 anos e di que «non compro máis».

«Daquela un músico gañaba máis ca un obreiro porque facíamos moitas festas»

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Manuel Vigo: «A banda de Padrón foi moi sonada»