Galicia conmemora ata finais de ano o 30 aniversario da concesión do Premio Nobel a Camilo José Cela

A fundación de Padrón organiza unha programación centrada nos nenos, na actividade literaria e na lembranza do que supuxo o galardón


Padrón

A Xunta, a través da Fundación Pública Camilo José Cela de Padrón, conmemora dende este sábado e ata finais de ano o 30 aniversario da concesión do Premio Nobel ao escritor de Iria-Flavia e faino cunha programación centrada nos nenos, na actividade litetaria e na lembranza do que supuxo e aínda supón que un escritor galego reciba dito galardón. 

O 19 de outubro de 1989 foi a data na que a Academia Sueca emitiu o seu fallo. O 11 de decembro, o escritor padronés recolleu a distinción. Así, a programación arranca este sábado cunha actividade dirixida a todos os públicos baixo o título de Maxia e Ciencia na casa dun premio Nobel ¿de Literatura?, no salón de actos do Museo de Iria, de 10,00 a 12,00 horas da mañá.

No mes de novembro, entre os días 18 e 20, celebrarase a cita "Más de 20 años después. III Encuentro de Escritores en Iria- Flavia" que, baixo a dirección de Care Santos, volverá a congregar a unha trintena de novos escritores aos que Cela reuniu por primeira vez en 1998 e que, a día de hoxe, destacan no panorama literario español. Entre eles, autores coma a propia Care Santos, Juan Manuel de Prada, Lorenzo Silva, Angela Vallvey, Oscar Esquivias, Blanca Riestra acudirán a Padrón a debater sobre a situación actual do sector editorial e os seus novos retos e dificultades.

Ademais, de novembro a febreiro terá lugar un venres pola tarde de cada mes, e coa colaboración de Javier Pintor, as xornadas Tardes de Libros, nas que se presentarán no paraninfo do Museo catro novas editoriais en galego e en castelán coa participación de cada un dos seus autores. Tamén en novembro presentarase o portal específico da Fundación Cela, realizado en colaboración coa Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Contén parte do arquivo dixital da institución e culmina un dos traballos de condensación e posta a disposición na rede de parte do inxente legado documental doado por Cela, un traballo que xa comezara no ano de celebración do seu centenario.

O 10 de decembro, ademais do acto institucional en homenaxe ao escritor, terán lugar en Iria Flavia a presentación da nova páxina web da fundación e o homenaxe do pobo de Padrón en lembranza de como toda unha vila acompañou ao único Nobel galego. Este acto pretende rememorar, dun xeito emotivo, a aqueles padroneses que acompañaron ao escritor a Estocolmo e a cantos viviron ese momento de gran alegría desde a propia vila de Padrón.

 A mediados de decembro, finalmente, terá lugar unha xornada, en colaboración coa Universidade Camilo José Cela, de conmemoración dos 50 anos da publicación dunha das novelas que os expertos están a incluír entre as máis importantes do escritor, San Camilo 1936, e que contará coa presenza de, Adolfo Sotelo Vázquez, catedrático de Literatura Española da Universidade de Barcelona, e Dolores Troncoso Durán, Catedrática de Literatura Española da Universidade de Vigo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Galicia conmemora ata finais de ano o 30 aniversario da concesión do Premio Nobel a Camilo José Cela