Un libro rescata a historia das bandas de música nas Terras de Iria

O seu autor, Eloi Rodríguez, quere homenaxear así aos músicos de antaño e aos de agora


Padrón

O libro Os sons do pobo, do historiador Eloi Rodríguez Carbia, presentado esta tarde-noite no auditorio municipal de Padrón, rescata a historia das bandas de música nas Terras de Iria, dende a máis antiga da que se ten constancia, a dos Silleiro en 1857, ata a actualidade. A publicación foi cedida polo autor ao Concello de Padrón, que a editou en colaboración coa Deputación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

Xunto co autor, no acto estiveron o seu compañeiro de traballo e compositor Juan Durán; o alcalde Antonio Fernández e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Durán, Premio da Crítica Galicia e gañador do Premio Reina Sofía de Composición Musical, falou do libro como dun "traballo serio e riguroso, como adoita a facer sempre Eloi, e vinculado a Padrón", dixo. O rexedor asegurou que, dende o primeiro momento, o proxecto que lles plantexou o autor ao Concello lles pareceu "interesante" xa que supón recuperar o patrimonio musical, pero tamén cultural, da vila e de Lestrobe e tamén de Galicia. Antonio Fernández engadiu que é obriga do Concello "darlle difusión e poñelo en valor".

Pola súa banda, Valentín González falou de que a Banda de Música de Padrón sempre foi unha referencia en toda Galicia polo que o libro supón unha xoia para a vila, ao tempo que fortalece o coñecemento musical e dignifica este tipo de formacións. 

Para pechar o acto, Eloi Rodríguez salientou as dificultades que se atopou para dispor de información referida as bandas de música polo que, finalmente, tivo que tirar da colaboración popular para escribir un libro que, segundo dixo, "pretende rescatar a historia das nosas bandas, mergullándose nas súas orixes ata como chega ata hoxe".

El mesmo fixo un pequeno percorrido pola traxectoria das formacións, que comezou no ano 1857 coa banda dos Silleiros, en Lestrobe, no concello de Dodro, a que lle seguiu a de Carrandán e a de Anxeliño Balado, do mesmo lugar, algunha das que acabaría integrándose na de Padrón. A existencia destas formacións pon de manifesto, dixo Eloi Rodríguez, que as terras de Iria teñen "unha forte tradición musical", de modo que os músicos de hoxe continúan co traballo dos precursores, sinalou. 

O historiador lembrou os tempos nos que unha festa non era boa se non actuaba unha banda de música e a de Padrón e a de Silleda eran as máis demandadas. Falou dos anos nos que a banda de Padrón estivo dirixida por Tomás Beteta, o primeiro director cun contrato profesional e que, dixo, foi toda unha institución porque lle deu sentido musical profesional que ata entón non tiña a formación.   

Tras o repaso a traxectoria das bandas, o autor asegurou que o libro é a sua "modesta homenaxe e recoñecemento" ao labor dos músicos, os de antaño e os de agora, porque fan que a tradición musical "perviva de xeración en xeración", dixo. Eloi Rodríguez aportou unhas imaxes inéditas do ano 1966, centradas no campo da Insúa, en A Ponte, e no mercado dominical coa música de fondo de tres pezas grabadas pola banda nese ano. Para rematar, actuou a actual Banda de Música Municipal de Padrón, que quixo facer así a súa aportación ao acto.  

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Un libro rescata a historia das bandas de música nas Terras de Iria