Herbón renova a fe en San Benito

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

MERCE ARES

Centos de devotos achéganse ao convento para escoitar algunha das misas que se celebran durante todo a xornada

11 jul 2019 . Actualizado a las 18:48 h.

Como cada 11 de xullo, o convento franciscano de Herbón celebra hoxe a festividade de San Benito con misas durante todo o día na igrexa, a primeira ás oito da mañá e a última á mesma hora da tarde. Centos de devotos de toda a comarca e doutros concellos próximos achegáronse xa polo convento para escoitar unha delas ou para deixar a súa esmola que, nesta festividade, tamén se pode dar con pitos e galos, que foron subastados tralo oficio relixioso das doce da mañá.

Aí, ao rematar a procesión, os devotos congregráronse no zaguán do convento para seguir a poxa. Un ano máis, o veciño de Herbón Daniel Alexandre Vecino, máis coñecido como O Pinto, puxo voz a subasta que, de forma excepcional, comezou coa poxa dun bizcoito donado por unha devota de A Bacariza, en Rianxo. Pouco durou o doce nas mans do Pinto xa que, poxa tras poxa, acabou na casa dunha veciña de Pontecesures, que pagou por el 16 euros. 

A continuación comezou a subasta dos pitos e galos. No caso dos primeiros, de dous en dous ao seren máis pequenos e con prezos que rondaron entre os 10 e os 30 euros. Foron moitas as veces que o poxador máis alto non quixo levar a peza para a casa, que era subastada de novo, non sen antes O Pinto dicirlle "este leváo que pesa ben". 

A poxa de pitos de San Benito é, ano tras ano, un espectáculo digno de contemplar e é seguido, maioritariamente, por veciños da parroquia, que tamén se encargan de portar as tres imaxes que saen en procesión: A Virxe das Dores, San Benito e San Antonio. 

No día de hoxe, en Herbón tampouco faltan as rosquilleiras e unha churrería, pese ao intenso calor que fai no exterior do convento.