Treixadura e Virandeira Folk, pratos fortes do segundo Festival Naturfest de Rois

PADRÓN

Celébrase o sábado 27 de xullo no campo da festa

09 jul 2019 . Actualizado a las 14:37 h.

A Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do Festival Naturfest, que se celebra no campo da festa de Rois o sábado 27 de xullo. Promovido polo Concello de Rois e o Obradoiro de Cultural Tradicional Chorima, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, o Festival Naturfest quere situar a Rois "outra vez como lugar importante da comarca para a promoción cultural e poñer en valor o patrimonio artístico e cultural cun evento que sexa recoñecido más aló das nosas fronteiras”, segundo explicou esta mañá o alcalde de Rois, Ramón Tojo.

A música galega será a gran protagonista dunha xornada na que tamén terán cabida outras propostas para poñer en valor o territorio e o patrimonio do concello. Así, Treixadura e Virandeira Folk, dous dos grupos de referencia na música tradicional galega, serán as principais atraccións nesta segunda edición.

A xornada do sábado 27 de xullo comezará cun trail (10.00 horas) para gozar do entorno facendo deporte na natureza. Un xantar popular, xogos en familia, un taller de iniciación teatral impartido por María Ordóñez, de Talía Teatro, e unha xincana de xogos populares completarán a oferta lúdica. “Queremos manter o sentimento das vellas tradicións do pobo e dos seus costumes, como eran as festas e traballos comunais noutrora grandes motores das relación sociais do noso entorno e que hoxe están totalmente extintos”, indicou Laura Ríos, membro de Chorima e da organización do festival. Xunto a ela estiveron tamén Chema Alonso, de Virandeira Folk, e Xurxo Raposo e Anxo Xesteira, de Treixadura.

Ademais destes dous grupos, as Pandeireteiras de Ermedelo e as Repeniqueiras de Urdilde amenizarán aos asistentes antes de que comece o xantar popular. A partir das seis da tarde celébrase un festival folclórico no que participarán o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, o Grupo de Danzas Asociación Cultural Leira de Ordes e a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio, de Cotobade (Pontevedra).

A nova etapa do Festival NaturFest comezou no 2018 como unha fusión de dúas citas musicais estivais que celebraran tres edicións cada unha: o Chorima Naturfest, que promovía o OCT Chorima, e o Rois Arrasa!!!, impulsado polo Concello de Rois.