Poesía, música e visitas guiadas no festival Abride a fiestra da Casa de Rosalía

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

Será o 13 e o 14 de xullo, este último día cunha xornada de portas abertas

25 jun 2019 . Actualizado a las 13:01 h.

A Fundación Rosalía de Castro presentou esta mañá a segunda edición do festival Abride a fiestra, que se celebrará os días 13 e 14 de xullo na Casa-Museo de A Matanza, en Padrón, para conmemorar a data do pasamento da escritora. No acto de presentación estiveron o responsable da fundación rosaliana, Anxo Angueira; a vicepresidenta da Deputación de A Coruña, Goretti Sanmartín; o alcalde e a concelleira de Cultura de Padrón, Antonio Fernández e Lorena Couso, respectivamente, e a subdirectora xeral de Política Lingüística, Lourdes Batán. 

A cita comeza o día 13 cun recital poético multilingüe co Colectivo de Poetas en Bruxelas e un grupo representativo da poesía galega actual. Esa xornada rematará cun concerto de Cristina Pato, acompañada por Roberto Comesaña, que será o único desta tempada que ofrecerá en Galicia. 

O día grande da celebración será o domingo 14 de xullo, cando haberá unha xornada de portas abertas na Casa de Rosalía, con poesía, música, proxeccións, conferencias, unha feira e visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas na obra rosaliana. Así, entre as persoas que guiarán aos visitantes polos diferentes cuartos da casa de A Matanza estarán o escritor Pedro Feijoo, o deseñador Pepe Barro, o expresidente da Real Academia Galega (RAG) Xosé Ramón Barreiro, o profesor Francisco Rodríguez e o estudoso da horta rosaliana Carlos Dacal. Tamén estará Olga Novo, que recitará poemas propios en cada estancia.

A música é un dos fortes do festival, con concertos de Davide Salvado, o cantautor local Secho, Ugía Pedreira ou a Coral Polifónica Padronesa. Tamén haberá concertos ao piano da familia de Rosalía protagonizados por Secho, Ugía Pedreira e Cristina Pato. 

A Fundación Rosalía de Castro entregará ese día a Rosa de Galicia á familia de Xosé Villar Granjel, persoa clave, xunto con Xosé Mosquera, na recuperación e compra da Casa de A Matanza en 1946. A Rosa de Galicia é unha insignia de ouro co novo deseño da fundación que foi realizada por Pepe Barro e que recoñece a persoas ou institucións que se significaran na defensa da figura da escritora ou na promoción do seu legado.