A Casa de Rosalía expón dous novos cadros de Ovidio Murguía

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

MERCE ARES

Tamén incorpora unha paleta do fillo da escritora e un óleo sobre azulexo

10 abr 2019 . Actualizado a las 18:10 h.

A Casa de Rosalía de Castro, en A Matanza, no concello de Padrón, presentou esta mañá dous novos cadros e unha paleta de Ovidio Murguía, fillo da escritora e de Manuel Murguía. As novas incorporacións foron presentadas polo presidente da fundación rosaliana, Anxo Angueira, e o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo. 

A Casa tamén presentou as últimas melloras técnicas incorporadas a súa museoloxía, como cambios na iluminación das pezas ou a instalación de filtros nos cristais das xanelas para amortecer os raios ultravioletas.  

En canto aos novos cadros de Ovidio Murguía adquiridos o ano pasado a unha familia de A Coruña pola Fundación Rosalía de Castro, datan do ano 1895, un deles titúlase Labrando a terra e o outro Paisaxe galega con figura. A fundación tamén mercou unha paleta pintada polo fillo de Rosalía de Castro, ao tempo que expuso ao público outra peza que xa tiña nos seus fondos: un oléo sobre azulexo titulado A flor. 

Tanto o azulexo pintado, como os dous cadros e a paleta proceden, seguramente, segundo explicou a fundación, das pezas vendidas polas fillas da escritora en 1935 nunha exposición realizada na Asociación de Artistas de A Coruña, entidade da que formaba parte a pintora María Corredoyra, que fai a doazón do azulexo. 

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, explicou que a entidade continúa co seu traballo de modernización e mellora da casa, pero tamén de patrimonilzación, en alusión a velar polas pezas que teñen que ver coa escritora a e a súa familia, así como de dalas a coñecer. Angueira agradeceu o apoio da Consellería de Cultura a labor da fundación. 

Pola súa banda, o director xeral de Políticas Culturais expresou a intención da Xunta de seguir colaborando con esta fundación e con outras de autoras para que poidam incrementar os seus fondos e, neste caso, tamén para mellorar aspectos relacionados coa casa e o seu exterior.