Prantan un retoño do Carballo de Guernika na horta da Casa de Rosalía

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

MERCE ARES

O acto enmárcase na conmemoración do 24 de febreiro

21 feb 2019 . Actualizado a las 18:54 h.

Os pobos de Galicia e Euskadi están máis unidos dende hoxe a través dos seus respectivos símbolos nacionais: Rosalía de Castro e o Carballo de Guernika. A Casa de Rosalía, en Padrón, acolleu esta mañá o acto de prantación na horta de A Matanza dun retoño que é descendente do auténtico carballo de Guernika e que repón a outro que xa fora plantado no ano 1994 pero que secou. O acto estivo presidido polo responsable da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, pola presidenta das Juntas Generales de Generales de Bizkaia, Ana Otadui; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández e a concelleira de Cultura, Lorena Couso. Tamén asistiron alumnos do colexio padronés Rosalía de Castro. 

A prantación da árbore na horta da Casa de A Matanza enmárcase nos actos conmemorativos do Día de Rosalía, o vindeiro domingo 24 de febreiro, día do nacemento da escritora hai 182 anos. 

O presidente da fundación rosaliana dixo que o acto de hoxe é "histórico" ao xuntar dous referentes: Rosalía de Castro e o Carballo de Guernika. Se este último simboliza, afirmou Anxo Angueira, a liberdade vasca, Rosalía simboliza a dignidade da cultura, da lingua e do país de Galicia. Por iso, engadiu, o acto de hoxe afianza unha relación entre Galicia e Euskadi que "ven de séculos atrás" e faino, ademais, a través dos seus símbolos universais: Rosalía de Castro e o Carballo de Guernika. Anxo Angueira agradeceu a presidenta das Juntas Generales a oportunidade de poder repoñer a árbore prantada no seu día a iniciativa de Avelina Pousa Antelo e que secou por "unha enfermidade incurable". Por iso, engadiu, co acto de hoxe fundación e Juntas Generales renovan a súa colaboración, ao tempo que as futuras xeracións, entre elas o alumnado presente no acto, "verán medrar o carballo e as relacións entre as dúas institucións,", dixo o presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Pola súa banda, a presidenta das Juntas Generales de Bizkaia falou de que Rosalía e o Carballo de Guernika "son los símbolos más universales de nuestras tierras" e recoñeceu que, a raíz do acto de hoxe, descobreu o feminismo da escritora. Ana Otadui lembrou que o Carballo de Guernika simboliza "nuestra libertad, respeto y cariño por la naturaleza y anhelo por la paz". A representante vasca entregoulle ao alcalde de Padrón un certificado conforme a árbore prantada é unha auténtica descendente do Carballo de Guernika, "símbolo de la paz y de las libertades", insistiu.  

O alcalde Antonio Fernández pechou o acto asegurando que Padrón é estes días "o epicentro cultural de Galicia", con motivo da celebración do 24 de febreiro. Tamén desexou que "la herencia cultural de Galicia se siga extendiendo y sirva de inspiración a creadores de todo tipo y a la sociedad en general". 

Para a prantación da árbore, soou a música do himno galego.