A actriz Iria Pinheiro gaña o Premio de Teatro Maruxa Villanueva

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN

PADRÓN

O xurado valora a súa valentía na reivindicación do feminismo

13 feb 2019 . Actualizado a las 16:17 h.

O XVIII Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, que convoca o Concello de Padrón, recae na actriz Iria Pinheiro Santos. O xurado do certame reunise esta mañá no salón de plenos do Concello e acordou por unanimidade concederlle o galardón pola "súa valentía na reivindicación do feminismo e na capacidade para empregar a arte e a visibilidade como actriz para causas xustas e necesarias".

O xurado valorou, ademais, "a pertinencia do espectáculo Anatomía dunha serea do proxecto berberecheira de Chévere, ante o debate social arredor da violencia obstétrica, así como un proceso de investigación que demostre o sentido comprometido do teatro documentado". Tamén destacou que "alén diso, a súa traxectoria amoa unha versatilidade como actriz que, nunha constante reivindicación do cabaret e o teatro cómico, a presenta como unha creadora total comprometida con todas as facetas do teatro". 

Baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Lorena Couso, o xurado estivo conformado pola escritora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Inma López Silva; o actor e profesor da Universidade da Coruña Carlos Caetano Biscainho Fernándes; o dramaturgo e profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, membro do Consello Asesor do Centro Dramático Galego e membro do Consello de Redacción de revistas galegas de teatro, Afonso Becerra Arrojo; o profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da MIT de Ribadavia, Roberto Pascual Rodríguez; e a doutora universitaria e especialista en teatro de obxectos Comba Campoi García. Actuou como secretaria a animadora social do Concello de Padrón, María Cruz Taboada Álvarez.