Inés Calvo: «Moitos descoñecen a fonda pegada de Rosalía de Castro en Santiago»

Encarna á escritora nunha visita temática e gratuíta pola cidade nesta ponte festiva


Santiago / la voz

Inés Calvo fala en primeira persoa, pero non relata a súa vida e peripecias, senón as de Rosalía de Castro. Durante esta ponte festiva, a guía turística meteuse na pel da ilustre escritora para realizar unha serie de visitas temáticas que percorren os lugares da cidade vinculados á galega máis universal.

A compostelá de 33 anos espera no Hostal dos Reis Católicos ás persoas que a acompañarán nas rutas rosalianas. Vai caracterizada como a poeta. Unha saia longa gris, camisa branca e unha camelia na man, «a flor de Galicia, presente tamén na Casa da Matanza», apunta. Leva un abrigo negro «que recorda moito a aquelas imaxes de época que hai dela» e un colar de acebiche «como elemento distintivo de Compostela», en referencia á actividade acibecheira que houbo na cidade.

A resposta que está tendo a actividade organizada por Turismo de Santiago para animar esta ponte festiva está superando as expectativas iniciais. «Foi unha sorpresa marabillosa», indica a guía turística. A primeira ruta, que ademais coincidiu co día de Defuntos, esperaba conducir a un grupo non moi grande e xuntáronse preto dun cento de persoas. Curiosamente, moitos veciños da cidade, sinala, mesmo xente de Ortoño, dúas irlandesas que están aprendendo galego moi interesadas na figura da escritora ou unha familiar de Rosalía que «fixo a visita moi emocionada».

A primeira parada é no antigo Hospital Real. «Rosalía de Castro naceu no Camiño Vello, que antigamente formaba parte de Conxo e estaba ás aforas da cidade. E foi levada por unha das criadas, Francisca, á capela do hospital onde recibían o sacramento os meniños da inclusa», explica.

Chegada de Padrón

A visita continúa no número 41 da rúa do Vilar, onde tiña a casa a nai da escritora. «Viviu alí e tamén na rúa Bautizados, xunto á praza do Toural, onde se instalou coa nai e a súa madriña durante os seus primeiros anos en Santiago, cando chegou de Padrón, en 1850», continúa Inés Calvo. De alí, o grupo condúcese ata a igrexa de Santa María Salomé, na rúa Nova, na que bautizou Rosalía á súa filla, Alejandra. E, de seguido, ata o número 1 da Conga. «A casa da cuncha naquela época funcionaba como unha fonda e alí residiu xunto ao seu marido, Manuel Murguía, cando regresaron de Madrid», indica. «Tiveron sete fillos e moitos naceron alí», engade.

O percorrido pasa tamén pola praza de Santo Agostiño, na que estaba o Liceo de la Juventud, «todo un referente por aquel entonces para a mocidade, onde se facían tertulias literarias e Rosalía coñeceu a Murguía», continúa.

A última parada é en Bonaval, no Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan os restos de Rosalía, trasladados alí en 1891 dende Padrón. «Unha das cousas que me chamou a atención foi que, pese a que en xeral todos temos unha idea de quen foi Rosalía polo que estudamos na escola, a súa pegada en Santiago é fonda e moitos a descoñecen», reflexiona a guía, quen di que un bo número dos composteláns que a acompañaron recoñeceron que non tiñan entrado antes no Hostal e no Panteón.

Sinala que a posibilidade de entrar nestes espazos é a principal novidade que inclúe a ruta respecto das visitas do verán por Santiago con Rosalía e Valle-Inclán. Para a guía, esta é a primeira vez que lle toca meterse na pel dunha personaxe coma esta e «foi todo un reto porque, aínda que é a máxima figura literaria galega, a nivel biográfico é un pouco complicado definila. Tense investigado moito, pero existen poucos documentos persoais e o que podemos intuír do seu carácter é pola súa literatura».

As visitas. Comezaron o xoves e finalizan mañá. Comezan ás 12.00 horas no Hostal dos Reis Católicos e duran unha hora e media.

A protagonista. Inés Calvo é guía oficial turística de Galicia. Nacida en Compostela, ten 33 anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Inés Calvo: «Moitos descoñecen a fonda pegada de Rosalía de Castro en Santiago»