Sara Refojo: «Antes de facer as prácticas comecei a buscar unha empresa para traballar»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

PADRÓN

SANDRA ALONSO

Foi alumna do Politécnico, onde afirma que «tiña colegas con estudos universitarios»

06 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sara Refojo ten unha historia de éxito nos últimos anos. Conseguiu no Politécnico de Santiago o título de técnica superior en Laboratorio de Análise e de Control de Calidade, e foi distinguida co premio extraordinario de Química de Formación Profesional. Hai dous anos que traballa en Aluminios Cortizo, en Padrón, o municipio onde reside, e agora está fixa no cadro de persoal desa empresa. «O ciclo no Politécnico dura dous anos. Antes de facer as prácticas comecei a buscar unha empresa para traballar. Cando entrei nesta empresa estaban facendo un laboratorio novo. Tiven inicialmente un contrato de prácticas, a formación que recibía valía para traballar nese laboratorio, e aí continuo agora», esclarece.

Sara matiza este éxito. Porque antes de Química estudou outro ciclo superior de FP, o de Delineación, no IES As Fontiñas. «Cando facía o bacharelato no IES Macías O Namorado tiña a idea de cursar a carreira de Arquitectura. E como iso esixía ter que ir fóra, e quería estar na casa, decidín facer Delineación. Cando acabei, estiven un ano sen traballar, foi cando escollín facer o ciclo de Química. Tamén pensei na posibilidade de Automoción, e non o fixen porque o meu pai insistiu en que non o vía como un bo traballo para min», afirma.

Os estudos de Laboratorio de Análise e Control de Calidade, da familia profesional de Química, foron máis complicados do que imaxinaba: «Había moitos anos que non estudaba Química e o ciclo non se me daba moi ben ao principio, resultaba difícil. Aproveitaba os tempos de descanso para pedir axuda a docentes e tiven que estudar moito, estiven varios meses sen saír», di. No entanto, ese esforzo valeu a pena. «Cada vez tiña maior interese, vía moi atractivo o traballo no laboratorio e a moita práctica que se facía. E conseguín un 10 en todos os módulos».

Foi, pois, a mellor. E iso que levou unha sorpresa cando comprobou que «na aula do Politécnico tiña colegas con estudos universitarios». Resalta Sara Refojo que «sempre nos ensinaban a traballar con boa protección e con seguridade».

Ao chegar a Aluminios Cortizo para facer as prácticas comprobou como «coa formación que recibín no Politécnico estaba preparada para traballar. Teño un emprego que me parece do máis interesante, e ao que lle vexo moito futuro, porque a clientela cada vez é máis esixente e solicita control de calidade dos produtos. De feito, mesmo lle recomendei a algunha das miñas amizades que escollese ese ciclo de FP, e houbo un amigo que o foi comezar a Lugo, por non ter praza para comezar aquí». No seu posto, di, «hai que traballar con moito rigor, cumprir ben as normas. Son a única muller que traballo en extrusión; e tamén me ofreceron na empresa a posibilidades de ampliar a formación con cursos ou un máster».

Sara Refojo valora que estudar FP é unha boa opción. Pola súa experiencia, comprobou que «no Politécnico, excepto nos ciclos de Química, nos restantes estudos que ofrece hai unha maioría moi evidente de homes, cando había descansos eran sempre maioría. O mesmo acontecía cando estudaba no IES As Fontiñas. No ciclo só eramos catro alumnas e o resto varóns. Non sei moi ben porque en ciclos de Fabricación Mecánica, Electricidade, Automoción e noutros hai menos mulleres, pois entendo que poden facer tamén eses estudos sen maior dificultade».

Química. Sara Refojo obtivo o título de técnica superior en Laboratorio de Análise e Control de calidade, da familia de FP de Química, no Politécnico, con premio extraordinario. Traballa en Aluminios Cortizo.

Delineante. Antes estudou Delineación, no IES As Fontiñas.