Padrón invita ás actividades de Rosalía de Castro do 15 de xullo

La Voz PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

PACO RODRÍGUEZ

14 jul 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

A Fundación Rosalía de Castro conmemora esta fin de semana o 133 aniversario do pasamento da escritora e faino coa estrea dun festival na Casa de A Matanza con música, poesía, teatro e mesmo unha feira de produtos que teñen a Rosalía como referente. As actividades arrancan esta tarde coa sexta edición do evento Inchadiña Branca Vela, a subida en dorna de Valga a Padrón polos ríos Ulla e Sar e na que este ano participarán, ademais, outras embarcacións tradicionais coma galeóns, gamelas, bucetas e botes.

Esta noite haberá o concerto do grupo Habelas Hainas. Xa mañá, día grande da celebración, a Casa de Rosalía, en A Matanza, acollerá unha xornada de portas abertas, con visitas guiadas por expertos; proxección dun filme comentado por Xosé Manuel Beiras; actividades para toda a familia, coma espectáculos de monicreques; recital poético; improvisación oral da man da regueifeira Alba María e de Xairo d´Herbón; presentación do Libro Escolar de Poesía; e a música de Mercedes Peón, que pechará a xornada festiva na Casa de Rosalía.