A pesca heroica da lamprea volve a Carcacía

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Tres pescadores expóñense á forza do río Ulla nas pesqueiras desta zona de Padrón

27 abr 2018 . Actualizado a las 11:21 h.

Merece a pena madrugar para acompañar ben cedo pola mañá a Modesto Rivas, Jesús Campos e Servando Duro a pescar lampreas nas pesqueiras do río Ulla ao seu paso pola parroquia de Carcacía, en Padrón. Unha pesca a pé que é heroica, polos empinados camiños de cabras que percorren polo monte Castro Valente (case tres quilómetros, ida e volta á beira do Ulla) e polas pedras do río ás que chegan a botar e levantar as redes, nalgún caso non sen risco.

A tempada de pesca de lamprea está a piques de rematar, pero só levan dúas semanas de traballo debido ao elevado caudal do Ulla, que se escoita a metros. «O río soa, iso é que leva auga, pero non quere dicir que haxa lampreas nas redes porque, con este frío, non se moven tanto e están paradas no fondo», explica Jesús Campos, veciño de Bandín de 68 anos. De feito, despois de dúas xornadas de moitas capturas, a de onte foi frouxa, o que os pescadores achacaron a que «quedou mala noite» e a que «a lamprea nota enseguida o cambio de tempo; non quere frío», aseguran Modesto Rivas, veciño de Carcacía de 77 anos, e Servando Duro, de Barcala e 67 anos.

Dúas semanas de traballo pero non en todas as pesqueiras, xa que hai redes que non botaron aínda «porque non se chega ao sitio nin se chegará», di Jesús Campos, a causa do elevado caudal de modo que, nalgún caso, a auga aínda cobre as pesqueiras.

Así, só botan as redes que están máis pegadas á beira do río, e estas non son, segundo explican, as máis produtivas. O percorrido para levantar as redes comeza nas pesqueiras do Carballo, segue no Lago, A Loureira, A Nova e remata na do Furado, ao pasar a estación de captación de auga. Para traballar nalgunhas, un dos pescadores usa arnés, debido ao perigo do río. Onte, ademais, os aparellos estaban cheos de follas e outro lixo, co que o esforzo para levantalos foi maior. Os pescadores falan de que ten que haber moita lamprea no río, xa que este ano subiu máis tarde. «Cando teñamos que parar, é cando máis hai», asegura Modesto Rivas.

Sobre a lamprea, os tres coinciden en que «esta é a mellor que hai no río dende Portugal» e argumentan: «As lampreas que chegan a Carcacía pasan por moitas correntes e chegan duras e fortes coma ferros; pelexan moito para remontar o río e o que entende algo, quere esta lamprea». Os tres pescadores levan uns 20 anos indo xuntos a traballar estas pesqueiras do río, que pertenceron a un cura e lle quedaron por herdanza familiar.