A lamprea faise de rogar esta tempada nas pesqueiras de Herbón

O pescador Antonio Caldelas levantou onte do río, no tramo de O Canal, as redes co primeiro exemplar

.

padrón / lA voz

«Demasiada auga» leva o río Ulla ao seu paso pola parroquia de Herbón, no municipio de Padrón, para favorecer a pesca de lampreas nas tradicionais pesqueiras. Así o conta un dos pescadores autorizados, Antonio Caldelas Vidal, veciño de Herbón de 54 anos que traballa o tramo denominado O Canal, xunto á ponte que cruza o Ulla, nas inmediacións do convento franciscano.

No seu caso, a tempada comezou a finais de xaneiro pero non foi ata onte cando capturou a primeira lamprea. Se ao principio o río non levaba auga suficiente para traballar nas pesqueiras, en cuestións de días o nivel subiu «moitísimo», di Caldelas, e mesmo cobre a zona das redes. Ao mesmo tempo, a crecida trae consigo «moitas follas, paus e mais lixo», que se acumula nas redes ata o punto de que case as desfai, como lle está pasando a Antonio Caldelas.

O pescador asegura que «a lamprea aínda non subiu», en alusión a emigrar do mar cara ao río a desovar, e de aí que explique a falta de capturas. «Coa auga que leva o río, tiña que haber moita lamprea». E non é así. Por iso, considera que a especie aínda non subiu do mar debido, segundo explica, a que non houbo choivas nos meses de outono. «Toda esta auga que hai agora no río tiña que habela en novembro e decembro, que é cando ten que subir a lamprea», segundo sostén o veciño de Herbón.

Non hai lamprea, pero si hai demanda. «O sábado non sei cantos me chamaron para preguntar se tiña algunha, pero nada», contou Antonio Caldelas, que tiña previsto degustar o primeiro exemplar das súas pesqueiras que, segundo engadiu, non era moi grande. «Levo dúas semanas de molladuras e ben merezo comela eu», asegura medio en broma o pescador, a quen lle parece raro capturar un único exemplar. «É unha pena», di.

Lampreas non houbo onte, pero as redes que levantou do río estaban cargadas de follas, ramas e outros refugallos, a causa do que arrastra a forza da auga.

Segundo lle consta a el, as pesqueiras anteriores, chamadas As Vellas, corren a mesma sorte que as súas, con poucas capturas. Ata onte, Caldelas asegurou que «aínda non lle vin o pelo. A lamprea debe estar a darlle ao rabo en Catoira», afirmou con humor, en alusión a que aínda non subiu río arriba. No tramo comprendido entre as pesqueiras das Vellas ata o de Trapa, incluído O Canal, a pesca está permitida ata o 21 de abril, polo que o veciño de Herbón agarda a que tempada mellore e comece a sacar lampreas do Ulla. De non ser así, repetiría unha campaña de escaseza coma a anterior na que, segundo conta Antonio Caldelas, pescou menos de dez exemplares.

Namentres, esta fin de semana continúan as xornadas gastronómicas da lamprea organizadas polo Concello de Padrón. Así, nove locais do municipio volverán a servir menús lampreeiros a un prezo de 25 euros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A lamprea faise de rogar esta tempada nas pesqueiras de Herbón