Padrón organiza o primeiro concurso de escaparates sobre Rosalía de Castro

u. l. PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Os establecementos deberán estar listos o venres 16 e o premio entregararse o día 23

09 feb 2018 . Actualizado a las 23:28 h.

Para celebrar o Día de Rosalía, 24 de febreiro, o Concello de Padrón, a través da Concellaría de Cultura e Turismo, organiza, entre outras actividades, o primeiro concurso de escaparates que leva o nome da escritora. Está dirixido a todos os comercios que desexen participar e que terán que adornar os seus escaparates con motivos relacionados con Rosalía de Castro.

Así, terán que estar listos o venres 16, antes das doce da mañá, hora a que o Concello pasará a fotografalos para publicar un álbum na súa páxina de Facebook. Ata as dez horas da noite do día 21 estará aberto o prazo para a votación dos escaparates, acadando o premio o que máis me gusta reciba a esa hora.

O Concello entregará o premio ao mellor escaparate o día 23 de febreiro, durante os actos que se celebrarán no auditorio municipal. Consistirá nunha placa conmemorativa e nun lote de libros doados pola Fundación Rosalía de Castro. A inscrición para participar está aberta ata o día 15.