Unha firma de Padrón sorprende coa súa repostería ecolóxica

Uxía López Rodríguez
Uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Yolanda Buceta creou hai un ano Leiradoce, de cucas sans

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cucas para tódolos paladares, ecolóxicas e artesáns. Non é o slogan, pero podería selo, da marca de repostería ecolóxica Leiradoce, que ten o seu obrador no lugar de Muíños, en Padrón, e que sorprendeu nos mercados coa súa variedade de cucas, que é como chaman nesta pequena empresa as galletas, por un motivo.

A marca de repostería da terra naceu hai pouco máis dun ano, cando a súa promotora, Yolanda Buceta, de 43 anos, a quen xa lle gustaba a cociña e era consumidora de produtos ecolóxicos, empezou a elaborar galletas para os familiares e amigos. Tanto gustaron que se convertiu no seu medio de vida, coa axuda da familia e a colaboración desinteresada na parte comercial da súa amiga María.

Aquelas primeiras galletas, ademais do sabor, destacaron polo seu aspecto, polo feitas que eran, o «cuquiñas», pero esa marca xa existía e Yolanda Buceta optou por acuñar o termo de cucas. Un ano despois, elabora ata oito variedades, ademais de tortas, sempre de forma artesanal e con produtos ecolóxicos, de xeito que a marca está certificada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

«Un produto de calidade, ecolóxico e artesá é o que nos diferencia», asegura a reposteira. Tamén o local porque, segundo conta, o pouco que había de repostería ecolóxica procedía de fóra de Galicia. Ademais, a marca aposta pola proximidade xa que sempre tenta mercar as materias primas na cercanía.

Muchas variedades

Así, a despensa de Leiradoce ofrece unha grande variedade de cucas, empezando polas larpeiras, con améndoas; as sen azucre (feitas con ágave), de avea ou dátiles; veganas con azucre de coco, que poden ser de xenxibre ou kamut; sen glute con azucre de coco e estevia (de dátiles); sen glute, de améndoas e as cucas de meniños, con chocolate.

Todas elas, xunto con outros produtos como tortas, pódense atopar en tendas ecolóxicas e mesmo gourmet. Santiago foi unha das cidades galegas nas que tiveron moi boa acollida, pero tamén se poden mercar en Pontevedra e Vigo, onde están empezando, ao tempo que están tratando de introducirse na Coruña e en Ourense, sen contar puntos máis pequenos coma Bertamiráns ou Rianxo, entre outros.

Aínda que sempre teñen excedente, a elaboración é «baixo pedido», explica Buceta, quen tamén se encarga do reparto xa que, afirma, «o trato co cliente é moi importante». Aparte das cucas, na despensa de Leiradoce hai outros produtos, como a torta de Iria, que lle debe o nome a este lugar de Padrón pola receita.

Deste obrador tamén sae unha torta que se acaba de presentar, dedicada a relixiosa nacida en Cuntis a Monxa do Penedo.

Pero traballar no obrador é so unha parte do proxecto de futuro desta emprendedora padronesa, que tamén quere, «nun prazo non moi lonxano», di, seguir co traballo na horta coa plantación de produtos ecolóxicos, podendo así facer un ciclo pechado de produción, dende sementar ata transformar a leira en doces.

Así, Yolanda Buceta xa sementou trigo e plantou maceiras, pero a súa idea é ter todo o necesario para abastecer o obrador con produtos ecolóxicos da terra, dende os ovos, a froitas ou o mel. De aí o suxerente nome: Leiradoce. E todo o que significa: doces e sans. ¿Por que non?