Música, poesía e unha feira mostrarán a vixencia de Rosalía o 29 e 30 de setembro

La Voz

PADRÓN

ZELIA ZAMBRANO

A gala celebrarase no Principal e reunirá a artistas como Abe Rábade, Uxía Senlle ou Najla Shami

19 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ofrecer unha imaxe dunha Rosalía actual e cunha mensaxe vixente. Ese é o obxectivo do festival que organiza a Deputación da Coruña o 29 e 30 de setembro en Santiago para lembrar o centenario da inauguración da estatua dedicada á escritora na Alameda.

O venres 29, no Teatro Principal, música e poesía daranse a man na gala, que comezará ás 21 horas. Actuarán Abe Rábade xunto con Nastasia Zürcher; Najla Shami; Uxía Senlle con Sergio Tannus e Santi Cribeiro; e Xiana Lastra con Andrea Porto. Pola súa parte, Anxo Angueira, Cesáreo Sánchez, Rosalía Fernández Rial e Marta Dacosta encargaranse do apartado poético dunha cita que estará presentada pola poeta e actriz Lorena Conde e dirixida por Avelino Iglesias.

Ao día seguinte, o sábado 30, a praza de Cervantes acollerá unha feira na que cerca de vinte de empresas venderán produtos relacionados coa autora de Follas Novas, como camisolas, bixutería, cervexa, libros ou discos. Celebrarase de 11 a 20 horas e, como complemento a propia actividade comercial, actuarán a Banda Municipal de Santiago, o grupo Habelas Hainas e a compañía Larraitz Urruzola.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, destacou onte que o obxectivo é celebrar o centenario da estatua da Alameda para ofrecer unha imaxe de Rosalía «actual, moderna, reivindicativa, feminista e con mensaxes vixentes no día de hoxe». Precisamente, o cartel elixido, elaborado por Xiana Iglesias, reflexa á escritora como unha superheroína que ten como armas os libros. Sanmartín referiuse a Rosalía, ademais de como símbolo identitario, como un obxecto de mercadotecnia e non só últimamente. A vicepresidenta mostrou unhas toallas que nos anos 50 comercializou unha firma de Padrón dedicadas autora.

Sanmartín estivo acompañada na presentación do Festival Rosalía pola concelleira de Igualdade de Santiago, Marta Lois; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias; e Xiana Lastra, unha das voces da gala do día 29. Marta Lois salientou que o festival é tamén unha aposta pola dinamización económica da cidade a través da cultura. Pola súa banda, Anxo Angueira incidiu na singularidade da proposta deseñada dende a Deputación: «É unha iniciativa distinta. Cremos que hai que renovar este tipo de celebracións». Ademais, en consonancia con Sanmartín, tamén incidiu que «Rosalía está máis viva que nunca para os escritores, para os músicos, para os deseñadores e para os artistas plásticos».

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, afirmou que o mellor xeito de homenaxear a Rosalía de Castro «é facela presente, ler os seus poemas», como sucederá na gala do venres 29 no Teatro Principal, que ten entrada gratuíta. As invitacións para asistir xa se poden retirar. Trátase dunha cita na que, tal e como destacou onte Xiana Lastra, vaise mostrar unha imaxe da escritora moi heteroxénea. «Cada un amosará a maneira que ten de ver a Rosalía», manifestou.