«De nena estaba todo o día enriba da mesa cantando co magnetófono»

Négase a marchar de Santiago, «porque aquí atopo máis do que necesito»

.

Santiago / la voz

É da rúa do Espírito Santo. Aí se criou, pasou os primeiros anos e aí xermolou a súa faceta artística. Di Inés Salvado (Santiago, 1987) que pasou a infancia coa súa veciña, «que era a miña mellor amiga, cantando a bailando. Miña avoa pódeche contar que estaba todo o día enriba da mesa cantando co magnetófono cinta para arriba e cinta para abaixo». Era unha boa época e unha boa zona, di esta actriz, cantante, e tamén fotógrafa de formación. Apenas había tráfico na rúa, e a actual praciña estaba a ras do chan polo que se facía vida nela, «recordo as festas de rebentar de nenos», lembra.

Foi de cativa a La Salle, como seu pai, e despois marchou ao IES As Fontiñas. Boa estudante, a súa vea artística estivo clara desde o principio. Inés ía ao conservatorio, tocaba o clarinete e sempre estivo vinculada a algunha formación, en cuartetos ou orquestras. Pero tamén o teatro lle empezou de nova a bulir por dentro, da man dun profesor que organizou unha actividade extraescolar: «Estreeime co Principiño, facendo de rosa, de xeógrafa...»

Cando rematou os seus estudos tiña moi claro que todas as disciplinas artísticas lle gustaban, pero tamén a educación, á que estivera vinculada facendo voluntariado, así que optou por Pedagoxía. Non foi unha boa decisión, e aos dous anos cambiou a Comunicación Audiovisual, «e aí si que o vin bastante claro». Non esqueceu a fotografía, nin cando revelaba co seu pai na casa, «sempre estaba aí, era admiración e curiosidade», lembra, así que cando acabou a carreira fixo fotografía na Escola Mestre Mateo, «e saqueime a espiña».

Todo o que fai lle enche, pero o teatro é quizais a disciplina que máis a completa. «Todo está relacionado; eu, por exemplo, utilizo moito a ferramenta do audiovisual ou do gusto compositivo, sempre queda como pouso, todo é compatible», di.

¿E como xurdiu De Vacas, unha formación que naceu para divertirse a agora suma éxito tras éxito? Xurdiu das ganas de pasalo ben. Inés xa coñecía a Paula Romero e Faia Díaz, do Coro da Ra e doutros grupos musicais. Un día estaban ensaiando, «e nestes delirios de ensaios empezamos a cantar as Spice Girls, cada unha co seu guachinei, e harmonizaba e quedaba súper riquiño», di rindo, «empezamos a quedar con esta trapallada». O que chama trapallada tenas ocupadas todo o verán con concertos e a súa versión de Despacito, Amodiño, con guitarrista Guillerme Fernández, ten 330.000 visualizacións en Youtube.

Son especialistas en cantar noutras linguas, de xeito literal. Fano en coreano e en romano, por exemplo. «Son todo guachineis» -di sen parar de rir-, «pero o outro día demos un concerto en Padrón, achegóusenos unha moza romana e dixo que estaba moi ben pronunciado».

As letras son unha das claves deste grupo. Algunha delas quizais picante para algúns sectores do público, como O alalá das coniñas. «Os amigos dos meus pais bérrannos: ¡pero destrozástedes a canción! O alalá que temos no maxín, que nos emociona e nos fai chorar e agora non deixamos de pensar na vosa letra», di morta de risa. Pásao ben co que fai e non o disimula, e ten moi claro que non vai marchar de Galicia: «Incluso me empezou a enfadar o tema da emigración». Viaxa, si, «pero sempre atopo o que preciso en Santiago e, incluso, máis do que necesito», conta esta compostelá de pro.

Nome. Inés Salvado Gontad, nacida en Santiago e residente no casco vello.

Profesión. Actriz, cantante.

Rincón elixido. A fonte da rúa do Espírito Santo, xusto diante da casa dos seus avós, e onde aínda hoxe se fan grandes sesións vermú nas festas.

«En dez anos véxome facendo dúos con Enrique Iglesias»

Bótalle humor ao traballo, á vida e á conversa. En vinte anos non é capaz de imaxinar onde estará e xa lle custa en dez, «véxome como una Spice Girl, derrotada (risas). Ou casada con Enrique Iglesias!». ¿Facendo dúos con el? «Facendo dúos, si, paréceme ben». Porque Enrique Iglesias, as Spice Girls, ou a sintonía de Los vigilantes de la playa que soa no seu móbil en medio da conversa, para esta moza todo é susceptible de facer unha letra para De Vacas e de pasalo ben. Cando comezou o trío o seu primeiro obxectivo era de feito coller todas as cancións. Di «que estiveron taladrándonos a cabeza durante moitos anos e versionalas». Comezaron coas Spice, pero poucos escapan xa ás súas versións acústicas, desde Beyonce, outra das súas favoritas, ata Lola Flores coa súa Pena, penita, pena coa letra lixeiramente modificada, e pasando polo Gangnam Style.

Ten un verán cheo de concertos con De Vacas e está ensaiando cunha nova compañía de teatro, A Feroz. Na cidade atopa un ambiente musical rico, «salvo eses anos escuros de aí atrás, agora volve a emerxer, hai grupos de aquí e un nivel que fai que te poidas relacionar con xente que che aporta moitísimo».

Á cidade velle algún defectiño, non moitos. Como esa distancia entre zona vella e zona nova que fai que cando ás veces vai polo Ensanche «non me recoñezo». De momento, ela segue no casco histórico, vivindo na rúa Tras Salomé. Tamén pasou por Fontiñas, así que «foi moito tempo con cultura de barrio, que tamén a teño». Na súa familia hai de todo, ela ponlle a vea máis artística e o seu irmán pequeno decantouse pola economía e o comercio exterior -«ten unha visión máis empresarial»-, pero como recoñece, «tamén é un caralleiro», conta sen deixar de rir.

Votación
1 votos
Comentarios

«De nena estaba todo o día enriba da mesa cantando co magnetófono»