A Casa de Rosalía presenta o seu renovado discurso museográfico

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

PADRÓN

VTelevisión

La Voz regala mañá unha revista de 32 páxinas co gallo da reapertura do recinto

14 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá a conmemoración do cabodano de Rosalía -o 132 aniversario da súa morte- terá unha repercusión especial. A Casa da Matanza celebra, ademais da efeméride da autora, a reapertura do recinto tras as obras de acondicionamento e un renovado discurso museográfico. Un proxecto dos arquitectos Luís Gil e Cristina Nieto permitiu a posta ao día das instalacións en Padrón, deterioradas tras anos de uso. Entre as diversas actuacións, cómpre salientar as que se centraron en resolver problemas de higrometría e confort térmico, como os trasdosados, forxado ventilado e calefacción radiante, ademais da iluminación, seguridade e accesibilidade. Estas obras permitiron tamén axeitar a casa a un novo proxecto museográfico, dirixido por Pepe Barro, no que é a propia casa, a través das pezas e a súa disposición, a que relata aos visitantes a vida e a obra de Rosalía e a súa familia.

Os actos comezarán ás 19.30 horas, cunha visita guiada a cargo de Pepe Barro. A partir das oito da tarde presentarase un libro de poesía escolar, co recitado das obras gañadoras, e darase paso a entrega da distinción Rosa de Galicia á familia de Camilo Agrasar. Intervirán logo Catherine Davies, Víctor F. Freixanes, Goretti Sanmartín, Román Rodríguez e Antonio Fernández Angueira. A conmemoración rematará cun breve concerto de Amancio Prada.

Principais fitos

La Voz de Galicia entregará tamén mañá a revista gratuíta Rosalía na súa casa, que recolle os principais fitos da intervención arquitectónica na casa-museo, a través da reprodución de pezas e documentos que se exhiben no novo percorrido museográfico. Ademais, a publicación aborda como foi o proceso orixinario de compra e restauración da casa, entre as décadas dos anos corenta e setenta do século pasado. Despois da adquisición da propiedade, o impulso final chegou cunha campaña de subscrición popular que puxo en marcha La Voz en 1970, cunha altísima participación, o que permitiu recadar preto dun millón de pesetas para acondicionar o museo.