Galicia festexará a Rosalía, desde a cociña tradicional, co seu «caldo de gloria»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Comezan as celebracións con motivo do 180.º aniversario do nacemento da autora de «Follas novas»

18 feb 2017 . Actualizado a las 21:51 h.

O «caldo de gloria», o que cociñou Rosalía de Castro e do que fala no poema Miña casiña, meu lar, volverá a ulir e a saborearse na súa casa de A Matanza, no concello de Padrón, dentro dos actos conmemorativos organizados no marco do 180.º aniversario do nacemento da autora de Follas novas, que se cumpre o vindeiro venres. A fundación padronesa que leva o seu nome organizou esta actividade nova, coa intención de que todos os locais da hostalería de Padrón se unan o 24 de febreiro a este festexo, ofrecendo o caldo de gloria. Dende a entidade convidan a que todo o país faga o propio nas súas casas e nos restaurantes, acompañándoo sempre coa lectura de poemas rosalianos, engaden.

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, presentou onte a iniciativa xunto cunha das persoas que elaborará o caldo, Merchi Rodal, ademais do seu compañeiro de programa de televisión Benigno Campos. Angueira asegurou que co caldo de Rosalía lémbrase a escritora e se celebra «a nosa gastronomía, a cociña tradicional e popular». Agradeceu a implicación da hostalería padronesa, que o venres -ao mediodía e á noite- servirá o caldo, pero lembrou que esta iniciativa aspira a abrirse a toda Galicia e ao mundo e a quedar para sempre cada 24 de febreiro, desexou. Ese día haberá tamén actos conmemorativos en Santiago e Padrón.