A Deputación apoia a última fase da reforma da Casa de Rosalía, en Padrón

U. lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

merce ares

La Fundación dedicada a la poetisa quiere inaugurarla  en febrero del 2017

27 jul 2016 . Actualizado a las 22:37 h.

O 24 de febreiro de 2017 cúmprense 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Para esa data, a fundación que leva o nome da escritora en Padrón quere reinaugurar a súa casa de A Matanza tras un proxecto de modernización museográfica da mesma, que onte recibiu o apoio da Deputación de A Coruña para afrontar a última fase coas melloras necesarias no sobrado do inmoble.

A vicepresidenta do organismo provincial, Goretti Sanmartín, e o deputado delegado de Promoción Económica e alcalde de Brión, Xosé Lois García, estiveron na Casa de Rosalía para manifestar o apoio económico da Deputación para rematar ese proxecto, de modo que aportará uns 33.000 euros para os traballos, o 80 % do custe mentres que o 20 restante o poñerá a propia fundación rosaliana.

O presidente da mesma, Anxo Angueira, agradeceu o apoio da Deputación aos plans da entidade e lembrou que esta última achega económica fará posible «culminar un proxecto que nos permitirá reinaugurar a Casa de Rosalía» de cara ao vindeiro ano. Angueira explicou que o inmoble merecía «unha revisión e unha adaptación física e dos contidos» e agardou que os cambios, que son deseño de Pepe Barro, «sexan do agrado de todos».

Pola súa banda, Goretti Sanmartín sinalou que a reforma da casa «serve non so para honrar a figura de Rosalía, o noso referente literario e cultural nacional, senón tamén para trasladar unha nova imaxe dela».

Logo dos espazos reformados na planta baixa da casa, a nova actuación pasa por intervir no espazo da cociña, onde se aproveitará para expor a riqueza da literatura gastronómica popular da escritora. No sobrado, a primeira estancia estará dedicada a familia de Rosalía; o actual dormitorio ao pasamento, translación e mitificación; o salón a muller intelectual do seu tempo e haberá un espazo final para un percorrido cunha clara mensaxe: Rosalía e Murguía son os artífices intelectuais da Galicia contemporánea.

Deste xeito, esta última reforma inaugurará unha nova época na casa de A Matanza, que afronta o século XXI cun novo discurso museolóxico e museográfico para explicar as novas xeracións a figura dunha muller fundamental na historia de Galicia, segundo contan dende a fundación.