Rosalía está máis viva que nunca

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

MERCE ARES

Galicia lembra en Padrón o 131 aniversario do seu pasamento, nun acto con poesía e música no que se falou da escritora como dun símbolo equiparable a bandeira

18 jul 2016 . Actualizado a las 22:59 h.

Á sombra das camelias, na hortiña da Casa de Rosalía, Padrón e Galicia lembraron o pasamento da escritora un día coma onte de hai 131 anos, nun acto organizado pola fundación que leva o seu nome e no que non faltaron a poesía, a música e os relatorios, neste caso de Xosé Luís Méndez Ferrín, que fixo unha lembranza do poeta Manuel María.

O acto, no que tamén se conmemorou o 125 aniversario do traslado dos restos da escritora a San Domingos de Bonaval, en Santiago, estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, xunto co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e contou coa presenza de representantes do mundo da cultura galega. Ademais, o director de Ámbito Cultural El Corte Inglés Galicia, Pati Blanco, presentou o libro do IV Premio de Poesía Escolar Rosalía de Castro, Quéimase todo o escrito, que inclúe os poemas dos alumnos premiados con este galardón.

Como novidade, a Fundación Rosalía de Castro entregou por primeira vez a Rosa de Galicia, un deseño en ouro de Pepe Barro co que se quere distinguir a aquelas persoas ou entidades que se significaron na defensa da figura da escritora. Esta primeira Rosa de Galicia foi para Loliña Mosquera, a filla Xosé Mosquera, máis coñecido como O vello dos contos, que foi unha das persoas que posibilitou a compra do inmoble de A Matanza para a súa posterior conversión en Casa-Museo.

Á hora dos discursos, o responsable da fundación rosaliana falou do traballo feito nos catro anos que pasaron dende que está na presidencia e tamén do que queda para os outros catro que lle restan de mandato. Anxo Angueira renovou publicamente o seu «compromiso» coa fundación e dixo que «eu pasarei como pasaron os que me precederon, pero esta casa nosa, a casa do pobo galego, a casa de Rosalía, co seu lume e o seu forno, coas súas fiestras e o seu mar, seguirá sempre de pé».

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura cualificou a Rosalía de Castro como un símbolo equiparable á bandeira, ao escudo e ao himno. «Unha figura que nos une aos galegos e que os galegos queremos como unha gran nai, símbolo de todos nós», dixo Román Rodríguez. O conselleiro sinalou ademais que Rosalía segue viva «con cada lector que a descobre, con cada novo poeta que a reinterpreta e con cada persoa que se sente fascinada pola súa personalidade e obra».