«Na leira é onde me saen os temas do bravú: apaño pementos e compoño»

Uxía López Rodríguez
Uxía López PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

merce ares

Daniel Alexandre Vecino, Pinto d´ Herbón, tamén ensina a arte da regueifa por institutos de Galicia

16 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo seu nome real quizais moito non o coñezan, pero polo de Pinto d´Herbón (con apóstrofe para reivindicar aos antigos trobadores) e polas súas boas regueifas é de sobra coñecido na súa terra padronesa, en Galicia e mesmo nalgúns puntos de España. Daniel Alexandre Vecino Martínez (Herbón, 1969) é pementeiro, regueifeiro e membro do movemento bravú ou do chamado agro-rap galego con temas tan soados no seu momento coma o de Nitramón 15, 15, 15.

Ademais, o Pinto d´Herbón leva, xunto co seu compañeiro Luís O Caruncho, a arte de elaborar regueifas polos institutos de educación secundaria de Galicia de modo que, so na zona de Vigo, acoden a 12 centros que participan nun certame escolar de composición destas coplas populares improvisadas ou, como lle chama o Pinto, «poesía rabuda ou cantar do inmediato». El empezou con 16 anos, cando na súa etapa no instituto descubriu a música do grupo Fuxan os ventos. E xa non parou.

No verán dedícase máis ao cultivo do pemento de Herbón e a composición dos temas porque, explica, «na leira é onde está a inspiración: estás apañando pementos e estás pensando, compoñendo os temas do bravú». O pementeiro di que temas «aínda teño» e mesmo lle puxeron facer unha recompilación pero négase: «eu compoño para matalo vicio, para divertirme, non me interesa o aspecto comercial, sen contar que non sei se valerían para publicar». Na actualidade ten dous temas sen gravar: O verdelo e Leira Párking.

Durante o tempo do curso escolar acode, xunto con Luís O Caruncho, aos centros educativos de Galicia, para participar en obradoiros nos que ensinan a metodoloxía e o ritmo da regueifa, ademais da estrutura da copla popular improvisada, contribuíndo desta maneira a espallar a música tradicional galega, xunto coa construción de versos nesta lingua.

Asegura que no verán non pode dedicarse as regueifar porque «é incompatible co traballo do pemento», de modo que a primeira actividade esixe moitas veces trasnoitar mentres que a segunda, madrugar. «Hai que ter a mente despexada se queres que che saia unha boa regueifa», asegura O Pinto.

Tamén ten actuacións por España, como en Barcelona, no mes de novembro. Xa estivo tamén en Mallorca, Menorca ou Elche co seu compañeiro desde o ano 1997, Luís O Caruncho. Despois de case vinte anos regueifando con el, agora pisa forte tamén o fillo do Pinto, Xairo, de trece anos, digno herdeiro do bo regueifeiro de Herbón. «O meu fillo é moi bo; ten moita axilidade mental e hai veces que me pon contra as cordas», asegura o pai. É que, como explica este veciño de Herbón, «eu aprendín de maior xa que de rapaz non sabía o que era a regueifa, pero o meu fillo xa a mamou de pequeno». Xairo sabe a «mecánica» da regueifa dende os dous ou tres anos, di o pai. Ambos levan uns catro anos regueifando xuntos. Detrás ven o fillo máis novo, Xián, de sete anos.

Os obradoiros nos centros de educación de Galicia están a espertar o interese da mocidade por esta especialidade ata o punto de que O Pinto di que hai institutos moi bos, «dos que están saíndo rapaces que tamén se dedican a isto». Non sabe se a regueifa terá futuro, pero asegura que si «ten presenza no presente». E sexa en Padrón, Galicia ou no resto de España, sempre botada en galego. «E sempre me entenderon, incluso fóra de Galicia, con un galego normal, non moi rebuscado. Os únicos que non o entenden son os de por aquí preto», conta O Pinto.

Primeiro tema. O Pinto d´Herbón lanzouse a través de Sitio Distinto co tema Nitramón, 15, 15, 15, que foi rapidamente convertido en semente do que se deu en chamar agro-rap galego. É autor doutros temas tamén populares como Paviméntame ou A motoserra.

Poesía rabuda. É un dos máximos expoñentes da regueifa en Galicia, xunto con Luís O Caruncho.