A compostelá Helena Salgueiro recolle o premio poético Rosalía de Castro

u. L. padrón / lA voz

PADRÓN

MERCE ARES

Recolleu onte en Padrón o seu galardón

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A moza compostelá Helena Salgueiro Golán recolleu onte en Padrón o premio do segundo Certame Poético Rosalía de Castro, que convoca o Concello padronés. A entrega pechou os actos da festa da lingua organizada na praza de Macías polo Concello, na que participou o alumnado dos dous institutos de Educación Secundaria.

A concelleira de Cultura, Lorena Couso, foi a encargada de entregar o premio. A edil tamén agradeceu a involucración no certame do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Pola súa banda, Helena Salgueiro, de 20 anos, felicitou ao Concello por crear un premio co nome de Rosalía de Castro e falou da relación da escritora coa patria, para concluír que «deixemos os sentimentalismos de lado e pasemos as reivindicacións».

Ao certame presentáronse 21 traballos. A gañadora recibiu un diploma acreditativo e un cheque por importe de 1.500 euros. O poemario gañador leva por título As flores e o xurado do certame destacou do mesmo que se trata dun traballo «arriscado, onde se afronta o feminino dende diferentes ópticas, manexando referentes literarias que apuntalan unha xenealoxía en feminino». Non é o primeiro premio para Helena Salgueiro, que amosou a súa alegría por gañalo.