O concello vólcase coa celebración do día de Rosalía de Castro

Imaxes e versos da escritora ocupan 450 comercios de Ames

O mal tempo obrigou a trasladar parte dos actos de Padrón en homenaxe a Rosalía ao auditorio.
O mal tempo obrigou a trasladar parte dos actos de Padrón en homenaxe a Rosalía ao auditorio.

Padrón volcouse coa conmemoración dos 179 anos do nacemento de Rosalía de Castro cun programa de actos organizado polo Concello e que incluíu unha ofrenda floral ante a estatua da poetisa no Paseo do Espolón, na que participou o alcalde, Antonio Fernández, e o presidente da fundación rosaliana, Anxo Angueira.

A causa da choiva, os actos trasladáronse ao auditorio, onde a comunidade educativa de Padrón foi a protagonista. Estudantes de primaria e secundaria recitaron poemas de forma individual ou a coro e cantáronlle a Rosalía de Castro, como foi o caso das cantareiras da asociación cultural que leva o nome da escritora. O acto pechouno o alcalde de Padrón aínda que, previamente, falou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, que asegurou que o 24 de febreiro hai que celebrar o nacemento da «ilusión e a esperanza para Galicia» e hai que facelo con «festa e música».

Angueira lembra que nesta data tan sinalada «o que cumpre anos é un proxecto para unha Galicia mellor e máis digna» e que cómpre celebralo a todos os niveis, académico pero tamén educativo. O escritor considera que «cada vez se consolida máis o día de Rosalía» en toda Galicia.

Os actos remataron pola tarde, tamén no auditorio, onde o presidente da fundación rosaliana presentou unha edición propia do libro Follas Novas, de Edicións Xerais, ao que asistiu o director da editorial, Manuel Bragado, ademais do alcalde padronés e Chus Senín.

Os actos de recoñecemento a Rosalía de Castro espalláronse polos concellos do entorno compostelán, especialmente no de Ames, que organizou un programa similar ao padronés na Casa da Cultura do Milladoiro mentres os 450 establecementos comerciais do municipio lucían a imaxe do coñecido debuxo de Rosalía cedido por Rei Zentolo cunha escolma de versos de Dolores Vilavedra, estudosa da vida e obra de Rosalía.

E en Negreira, o IES Xulián Magariños conmemorou o día de Rosalía cun recitado de poemas na emisora local. San Antonio bendito, Nasín cando as prantas nasen, Unha vez tiven un cravo, Negra Sombra e Silencio, foron os poemas escollidos.

Máis información na páxina 37 da sección de Cultura.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O concello vólcase coa celebración do día de Rosalía de Castro