«O fútbol masculino é distinto, pero non máis complicado que o noso» 

Adriana Quesada / F. B. RIBEIRA / LA VOZ

OROSO

Ruiz, que pasa os veráns en Ribeira, ten claro que deixar o fútbol nunca será unha opción.
Ruiz, que pasa os veráns en Ribeira, ten claro que deixar o fútbol nunca será unha opción. CARMELA QUEIJEIRO

A xogadora, con raíces ribeirenses, xa forma parte do combinado nacional

25 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Leva xogando ao fútbol dende pequena, vaiamos onde vaiamos sempre leva un balón», sinala José Manuel Ruiz, natural de Ribeira e pai de Laura Ruiz (Santiago de Compostela, 2007). A moza non lembra ben como comezou neste deporte, pero ten a imaxe de si mesma mirando como o seu irmán maior xogaba cos seus amigos no xardín, algo que lle chamou a atención e convidou a iniciarse no fútbol. «Primeiro xogaba con el na nosa finca, pero despois rematei no equipo de fútbol sala de Oroso», comenta.

A pesar de que a deportista comezou neste mundo nun equipo de fútbol sala, non tardou demasiado en cambiarse ao campo co Xuventude Oroso. Despois disto, rematou no Victoria Infantil de primeiro ano, que é onde se atopa na actualidade. É así como, traballando duro, agora é subcampioa de Galicia na categoría sub-15 e, aínda que asegura que levar unha medalla de prata non é algo que lle guste moito, «está cas mellores da selección, como Cataluña e Madrid. Incluso gañamos a Madrid nas semifinais».

Este logro débese á gran cantidade de tempo que dedican aos adestramentos, pero tamén a que «fixeron piña». Para Laura é importante que as integrantes do equipo sexan amigas tanto dentro como fóra do campo: «É algo que se nota se estás a xogar con xente coa que tes afinidade e, ao final, o certo é que paso moito tempo con elas».

O bo facer de Laura non só a levou á selección galega, xa que agora xoga na nacional. «Hai un gran cambio de nivel, os adestramentos son catro días á semana e ten compañeiras que ao mellor chegan ós 30 anos», comenta o seu pai. As esixencias deste cambio fan que non poda dedicarse a ningún outro deporte, coma o hóckey, o cal tivo que deixar por falta de tempo: «Foi difícil escoller, pero o fútbol sempre me gustou moito».

A falta de tempo é algo que destaca, posto que debido aos adestramentos «perdía todas as clases que hai pola tarde no instituto e iso é algo que tampouco me podo permitir». Isto fai que lle resulte moi complicado compaxinar estes dous mundos, pero ten claro que non pensa renunciar ao deporte e que terá que conseguir organizarse para sacar ambas cousas adiante.

Aínda así, o seu obxectivo é dedicarse profesionalmente ó fútbol, «a pesar de que é algo difícil», recoñece. José Manuel Ruiz insiste en que os estudos son algo moi importante, xa que o mundo do deporte é inestable e, ao final, unha lesión pode acabar con toda a carreira dunha xogadora: «Por exemplo, ela estivo tendo problemas cos nocellos».

O deporte feminino

Laura leva xogando ao fútbol dende moi pequena, chegando a estar na selección galega na categoría sub-12 no 2019. Isto fixo que durante a súa vida non sempre estivera en equipos femininos, senón que tamén xogou con nenos durante as primeiras etapas da súa vida. «Sempre foi unha máis», recalca o seu pai.

Non obstante, ela ten claro que o fútbol feminino non é exactamente igual ca o que practican os seus compañeiros: «O noso é máis táctico, mentres que o masculino é máis físico». Aínda que, por suposto, non por este motivo considera un máis complexo ou destacable que o outro, senón que ambos teñen o mesmo mérito e os seus retos.

De feito, asegura que ao longo da súa vida só houbo unha ocasión na que escoitou a alguén queixarse das xogadoras do seu equipo: «Un pai estivo gritándonos de todo dende a grada, pero o árbitro parou o partido e remataron botándoo». Para ela, isto é un caso illado e o seu pai considera que hai xente que, simplemente, «é capaz de dicir calquera cousa porque non entende o xogo».

Referentes. Entre elas atópanse xogadoras coma Aitana Bonmatí e Teresa Abelleira.

Partidos. Estivo xogando ó longo de toda Galicia, pero tamén en Valencia, Murcia e Asturias.