A Vía Verde Compostela Tambre-Lengüelle

Manuel Mirás Franqueira SENADOR SOCIALISTA. EXALCALDE DE OROSO

OROSO

27 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A poucos días de que se inaugure a Vía Verde Compostela Tambre-Lengüelle, no tramo entre a fronteira de Santiago e Oroso, non está mal recordar a historia recente. No ano 2005, cando se empeza a falar da Vía Verde ou Senda Verde, todo indicaba que a primeira de Galicia ía ser o tramo dende a desembocadura do río Tambre (Oroso) ata Ordes, por ser o primeiro tramo por onde empezaron as obras de modernización do Eixo Atlántico ferroviario. Varios foron os factores que influíron para que o tramo Oroso-Ordes non se levara a cabo entre os anos 2005 e 2009. Problemas económicos, influenza nas altas esferas políticas ou o argumento de que se debía facer o tramo completo sobre todo con Santiago. Esta última argumentación non deixaba de ter certo peso, pois se a Vía Verde comezaba en Santiago, o seu atractivo sería moito maior. Todos os anos de retraso ata hoxe foron debidos á falta de interese dalgunha das partes, tema no que non vou a entrar por aquilo de que nunca é tarde se a dicha é boa.

Naqueles anos de principios deste século moi poucas persoas pensaban nunha vía verde polos antigos camiños de ferro. Os motivos do escaso interese pola maioría da poboación foron variados, sobre todo porque o levantamento dos raíles aínda non se fixera. Pero, por outra banda, había moita necesidade de crear espazos para os viandantes. Por iso, cando eu empecei a falar da Senda Verde o Vía Verde nun encontro co daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, en outubro de 2004, tal proposta foi considera coma un brinde ao sol. O señor Fraga indicou e tomou boa nota, pois lle parecía unha boa iniciativa, pero non se comprometeu a nada.

Sen lugar a dúbidas, a posta en marcha do tramo da Vía Verde entre Oroso e Cerceda será unha boa nova. Son case 39 km para o goce da veciñanza, visitantes e turistas que gusten de camiñar con seguridade e gozar dos encantos da nosa natureza en familia, en bici, camiñando… Unha ruta que empeza na desembocadura do río Lengüelle no Tambre e discorre paralela durante uns sete quilómetros ao Lengüelle, ata atoparse coa desembocadura do río Cabrón. Túneles, trincheiras, carballeiras impresionantes, praderías, é dicir, flora e fauna que forman unha paisaxe natural de tal beleza paisaxística da que moi poucas das Vías Verdes de España poden presumir. Sen lugar dúbidas, a Vía Verde traerá uns beneficios importantes para a zona pois na súa contorna poderán emerxer negocios de aluguer de bicis, venda de produtos da zona, turismo rural, restaurantes, bares, etc.

Quedan varias materias pendentes para que este proxecto sexa o que eu imaxinei hai algo máis de 17 anos. O máis importante: concluír o tramo ata á Sionlla (Santiago). Aí o Concello de Santiago e a Deputación teñen que poñer toda a carne no asador para rematar eses quilómetros canto antes. Outro asunto non menos importante é pensar en facer as conexións desde os centros das cidades e vilas, para que os usuarios poidan ir camiñando ou en bici con toda seguridade. A estas alturas xa teño coñecemento de que o Concello de Oroso xa ten en proxecto un carril bici para enlazar coa Vía Verde. Sería desexable que o Concello de Santiago pensara en facer un enlace dende a cidade, igual que Ordes, Tordoia e Cerceda.

Non podo esquecer o apoio da Deputación Provincial que, con Valentín González Formoso ao fronte, puxo todo o empeño para conseguir fondos económicos. Agradecer tamén á Fundación de Ferrocarrís Españois pola confección do proxecto técnico e ao ADIF pola cesión dos terreos.