Luis Rey: «As escolas deportivas axudaron moito para facer de Oroso un pobo con vida»

Emma ARaújo SANTIAGO / LA VOZ

OROSO

XOAN A. SOLER

O rexedor instalouse en Sigüeiro hai 27 anos e entrou no Concello no 2011

12 jun 2021 . Actualizado a las 00:24 h.

Luis Rey ía para futbolista pero unha lesión mal curada apartouno do soño de ascender no Depor e acabou sendo alcalde de Oroso, o concello no que se estableceu hai 27 anos. A súa vinculación con UXT no eido das relacións laborais fixo tamén que no seu xeito de ver o mundo primase a visión da colectividade. Nesas andaba cando a política local chamou á súa porta.

—Como deu o paso á política?

—Veño do mundo sindical, na parte de negociación de convenios e de mediación, e sempre tiven a inquietude de mellorar a vida dos traballadores. Viña só a durmir, pero vin como Mirás deulle un impulso a Oroso e incorporeime á agrupación local. Como polo sindicato tiña boa relación con Ricardo Varela, daquela secretario de Organización do PSOE, na agrupación traballamos para recuperar a Mirás, porque que Manolo non estivese no partido era un atraso para nós. E cando o conseguimos, deixei a secretaría xeral, que como era lóxico, asumiu el.

—Chegou ao Concello como edil de Deporte, un área de referencia de Oroso. Como o conseguiu?

—Oroso estaba crecendo moito, pero non había pobo como tal. Así xurdiu, no 2005, antes de ser concelleiro, a idea de crear unha escola de fútbol. Daquela, Sigüeiro estaba deserto as fins de semana, pero a escola fixo que as familias quedasen os domingos e trouxesen aos avós aos partidos. Agora temos 18 escolas con máis de 1.200 deportistas porque a idea sempre foi que se algún rapaz de Oroso non facía deporte fose porque non lle gustaba, non porque non houbera un deporte que lle gustase. Hoxe podemos dicir que estas escolas axudaron moito para facer de Oroso un pobo con vida propia. Fixemos unha aposta entendendo o deporte como unha inversión, porque fai xente máis saudable e axuda a que a xuventude non estea tirada polas rúas.

—Aí xogades con vantaxe, porque poucos pobos teñen a poboación de Oroso...

—Temos poboación, pero houbo unha aposta importante para dar servizos. Temos outro exemplo no parque do Carboeiro. A idea de recuperalo foi de Mirás, que nun primeiro momento pediume colaboración para o primeiro obradoiro de emprego, e agora estamos traballando nunha modificación do PXOM para darlle máis espazo á Alameda.

—Oroso non para de crecer. Cal pode ser o teito demográfico?

—Agora viven en Oroso máis de nove mil persoas, un número superior ao censo. Sigüeiro pode medrar máis e tamén temos un incremento nas licencias para o rural. Temos necesidade de desenvolver o polígono San Martiño e hai empresas que nos din que teñen xente traballando que non atopa vivenda nin para alugar nin mercar. Podemos chegar aos 15.000 habitantes.

—Vén de ser concelleiro dez anos. Cambia moito ser o alcalde?

—Parece que tes unha idea pero hai que estar no despacho para saber realmente o que vive un alcalde. Podes coñecer moi ben o pobo, pero cando estás aquí dentro ves o difícil que pode ser xestionar un concello. Desde fóra vese todo máis sinxelo, pero cando estás dentro tes que conxugar a parte política coa emocional, e logo a parte técnica que non deixa facer o que queren as outras dúas. Por exemplo, se temos unha familia que está desamparada e Servizos Sociais ten o cupo cuberto, non podemos deixar de atendela, pero o primeiro que vou atopar e un reparo de Intervención e de Secretaría, que teñen que facer o seu papel de control. Pero o noso é facer política para axudar á xente. Moitas veces hai cousas que tendo cartos non podes facer, e iso, que non o entendo nin eu, tampouco o comprende a xente.

—Cando Mirás renunciou á alcaldía, falouse de que vostede ou Antonio Leira fosen o relevo. Como se viviu esa dualidade?

—Houbo debate interno, pero non posición interna. Fixemos unha reunión a tres partes entre Manolo Mirás, Antonio Leira e mais eu despois de que Vanessa Boo xa dixese que por razóns persoais non barallaba asumir a alcaldía. Falamos do perfil de cada un e da nosa dispoñibilidade e quedamos de pensar as alternativas. Despois, Antonio e máis eu falamos e el xa dixo que prefería que fose eu o rexedor. Teño moi claro que sería un grandísimo alcalde para Oroso, como tamén é unha gran aposta que estea na Deputación. O seu traballo non ten prezo.Ten tanta capacidade que moitas veces hai que paralo para seguirlle o ritmo.