José Luis Pareja, xefe de dotación en Ordes: «Pechar un parque de bombeiros pode ser a diferenza entre a vida e a morte»

Olimpio Pelayo Arca Camba
O. P. Arca SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

Sandra Alonso

Suliña que ningún efectivo exerceu o seu dereito á folga, pero ao non facer horas extraordinarias non hai persoal suficiente para abrilos sempre

06 sep 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

José Luis Pareja (Madrid, 1976) é bombeiro en Ordes dende a apertura do parque no 2004, e está no comité da folga que manteñen 500 efectivos dos parques comarcais galegos dende o 15 de xuño.

—Que reclaman coa folga?

—Pór enriba da mesa demandas que arrastramos dende a apertura dos parques. Hai unha necesidade imperiosa de incremento de persoal: con tres efectivos non se cumpren os requisitos mínimos de seguridade; e ten que recoñecerse a profesión, e encadrarse aos traballadores como empregados da administración, despois de que no 2020 os consorcios provinciais (participados polas Deputacións e a Xunta) asumiran a xestión directa dos parques. Como recolle unha sentenza do Supremo de xaneiro do 2022 tras reclamacións no País Vasco e Navarra, estableceuse a obrigatoriedade de recoñecer a fixeza a eses traballadores que están na mesma situación ca nós, como persoal laboral fixo. E a administración xoga con ese recoñecemento que ten que facer como moeda de cambio, porque o vincula a un convenio colectivo que empeora as condicións que tiñamos coas empresas privadas, empeora os salarios que estamos a percibir. A parte traballadora plantouse e dixo basta xa, para que a profesión sexa recoñecida e que os servizos se presten nas condicións que a cidadanía merece.

—A que se refire?

—No parque de Ordes hai 18 efectivos, os mesmos que no 2004, pero a media de idade elevouse 20 anos. Nas gardas serían precisas cinco persoas, o que suporía acadar 26 traballadores en Ordes, e no caso de haber baixas, habería que contratar a traballadores da bolsa existente, na que hoxe de 100 persoas, só se chama a 29.

—Se o comité de folga di que os bombeiros non a están a secundar, por que pechan os parques?

—Ordes leva sete días de peche dende o 15 de xuño. Ata agora ningún dos 500 traballadores afectados pola folga exerceu o dereito a non asistir ao traballo. Os parques pechan porque dende os órganos de xestión dos consorcios provinciais non son quen de suplir as ausencias de persoal. Porque ata agora cubríanse mediante horas extraordinarias voluntarias dos bombeiros, que neste conflito deixamos de facer.

—Cal é o risco para a poboación de ter parques pechados?

—Eu, como veciño de Oroso, sei que o día que pecha o parque de Ordes estou en grave risco. Non é o mesmo atallar un incendio en 5 minutos que nunha hora. Se non hai persoal equipado para facer unha evacuación nun edificio cun intoxicado por fume, o risco pode ser a diferenza entre a vida e a morte. Por exemplo, a un incendio no casco urbano de Ordes dende o parque chégase en catro minutos; se está pechado, van dende Betanzos. A diferenza é moi grande. Os peches son un parche mal feito, como outros moitos que estamos a ver que atentan contra a seguridade da cidadanía. Pechar un parque supón un incremento dos riscos e dos danos potenciais para calquer persoa ante un accidente ou sinistro, porque xa con eles abertos os tempos de resposta aconsellables na prestación do servizo de extinción de incendios e salvamentos, que son 15 minutos, chegan a triplicarse no noso caso en desprazamentos ao límite con Pontevedra, nos concellos de Vedra, Teo e Boqueixón. E non é un caso particular de Ordes, pasa tamén nos outros: é inverosímil que Boiro preste atención ao Milladoiro, porque o parque de Santiago non atende máis alá do ámbito municipal.

—Din que se a administración dilata prazos, poden aumentar as medidas de presión. Como?

—Por exemplo, secundando a folga: iso multiplicaría o peche de parques. Por exemplo, hoxe [por ayer] o parque de Ordes abre con dous efectivos de aquí e outro desprazado dende As Pontes, onde estaban catro bombeiros. De secundar a folga, non habería ese cuarto traballador, e Ordes tería que pechar. Está tamén a adopción de medidas xudiciais: hai 80 demandas en Galicia (14 en Ordes) para que se recoñezan como persoal laboral fixo. Tamén está a posibilidade de falar co Valedor do Pobo, e de denunciar o incumprimento da Lei de Emerxencias de Galicia, do 2007, que daba un prazo de tres anos á Xunta para homoxeneizar as condicións de traballo dos empregados dos consorcios provinciais, e non se fixo. Unha das nosas demandas é facelo cun convenio colectivo autonómico.