José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde en funcións de Ordes: «A nosa previsión era acadar 10 edís, e faltáronnos só 15 votos»
ORDES
Asegura que manterá a súa liña de goberno malia que adoptar decisións incómodas poida pasarlle logo factura nas urnas
10 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde do PP de Ordes desde o 2015, revalidou o 28M a maioría absoluta alcanzada hai 4 anos.
—Subiu 5 votos, ata 3.922, fronte a BNG (2.362, +889) e PSOE (986, +138) que aumentaron máis apoios. Satisfeito cos 9 edís, ou esperaba algún máis?
—Nas expectativas sempre se trata de mellorar e de aumentar o número de concelleiros. A nosa previsión era acadar o décimo, do que nos quedamos a só 15 votos, e o obxectivo que nos fixabamos no seu momento era intentar chegar aos once.
—A onde foron as 1.285 papeletas de UxO e as 336 de Ciudadanos do 2019, que non se presentaron agora?
—Esa é unha análise bastante complexa. Estou seguro que gran cantidade delas están na bancada do PP. Porque desde o 2019 ao 2023 faleceron en Ordes 601 persoas, en moitos casos cunha tendencia de centro-dereita, e doutra banda baixou a participación cinco puntos. E houbo máis de 400 veciños que votaron por primeira vez nestas eleccións. Polo tanto, onde cambiaron os votos non o podo dicir; o que si aseguro é que percibimos moitísima confianza na vitoria por maioría absoluta do PP, que se daba por feita, e iso conlevou certa relaxación que puido provocar esa abstención máis alta do habitual. E os restos favoreceron ao BNG: quedamos a 15 votos do décimo edil, e con 400 menos manteríamos o noveno. Si é certo que BNG e PSOE subiron en apoios, é innegable.
—O PP baixou máis no rural que no casco urbano, onde gañou apoios na maioría de mesas.
—Coas porcentaxes mesa a mesa no rural nalgunha delas nos penalizaron respecto ao 2019, cando xamais se investiu tanto no rural como nestes catro anos precedentes, en todas e cada unha das parroquias. Ao mellor hai que ter en conta esa análise, que teño escoitado moito aínda que non comparto, de que as obras non son as que dan os votos. Ás veces pequenos detalles condicionan o sentido do voto de calquera veciño ou núcleo. Nós seguiremos marcando unha pauta firme de compromiso co rural e coa mellora dos seus servizos, aínda que non garanta un apoio aínda máis alto nas urnas. Porque é certo que en moitas delas rondamos o 65 %, e na práctica totalidade o 50 %: por tanto si estamos satisfeitos, porque o apoio é maioritario en todas, aínda que en varias se reduciu respecto ao 2019.
—Cambiará o xeito de gobernar?
—Non. Temos moi claro como nos gustaría que sexa o Ordes do futuro, vímolo plantexando desde o 2015 e nesa liña imos seguir traballando. Houbo que tomar decisións, en moitos casos coa unanimidade da corporación, nas que parece que logo só se atribúe a responsabilidade a quen está no goberno, como foi no 2020 ter retirado todas as farolas do ámbito privado para optar a fondos IDAE. Pero nós non podemos entrar en plantexamentos de presións veciñais para intentar recuperar no privado o que se paga con diñeiro público.
—Cantas dedicacións haberá no seu goberno local?
—Será un goberno continuísta. Eu manterei Urbanismo ata concluír a aprobación do PXOM. A miña será a única dedicación exclusiva, con tres persoas con dedicación parcial e cinco edís na xunta de goberno local.
—Prioridades de mandato?
—A número un, a entrada en vigor do PXOM, no que haberá que perfilar algúns detalles; a gardería, que xa ten fondos Next Generation de Política Social; a reforma e ampliación da residencia de maiores, para o que se firmou o protocolo de intencións coa Deputación da Coruña; e os proxectos nos antigos terreos de Viriato.