José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes: «O PXOM é unha oportunidade para o crecemento da vila»
ORDES

O rexedor ordense suliña que a seguridade xurídica primou na súa complexa tramitación
12 feb 2023 . Actualizado a las 05:05 h.O día 23 a corporación de Ordes abordará en pleno a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). José Luis Martínez Sanjurjo (Ordes, 1977) compromete a máxima axilidade neste tramo final.
—Cando poderá estar rematado?
—Logo da aprobación provisional polo pleno, remitiremos o documento completo á Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta para a aprobación definitiva, que ten un prazo dun mes para comprobar a documentación e tres meses máis para pronunciarse e resolver. Se solicitan modificacións, o documento debe volver ao pleno para facer as corrección solicitadas. Trataremos de ser o máis áxiles posible, tendo en conta que imos pasar un proceso electoral, polo que podería existir algunha demora dado que alcalde e corporación estarán un tempo en funcións.
—Por que se alongou o proceso máis dunha década?
—O PXOM é un documento de enorme complexidade técnica e administrativa no que cómpre ir sobre seguro para evitar que, no futuro, calquera recurso poida invalidar o documento. A súa elaboración implica infinidade de informes que non son doados de tramitar, mesmo reclamándoos reiteradamente ás outras administracións implicadas. Con todo, creo que a seguridade xurídica (que beneficia a toda a veciñanza) debe primar sempre fronte a calquera outra consideración. E así o fixemos.
—Que suporá para o termo municipal dispoñer dun PXOM?
—Resulta determinante para o crecemento de calquera municipio. Crecemento harmónico, dentro da legalidade, pero tamén respectando os recursos naturais e paisaxísticos, evitando o feísmo e programando o desenvolvemento das infraestruturas necesarias. Creo, honestamente, que é unha oportunidade para o crecemento de Ordes, tendo en conta que contamos cunha localización privilexiada, na medida en que a N-550 é arestora, e o seguirá sendo no futuro, a principal rúa gratuíta de Galicia, a escasa distancia de Santiago e da Coruña. A miña aposta pasa por converter a Ordes, na súa condición de cabeceira de comarca, nunha prolongación natural destas dúas cidades, coas que podemos competir perfectamente en vivenda (moito máis barata) e en calidade de vida.
—Canto poderá medrar Ordes?
—As previsións máximas do plan apuntan 1.599 novas vivendas en solo urbano (Ordes e Mesón do Vento) consolidado e non consolidado, con 535 para os solos urbanizables; e en solos de núcleo rural ata un total de 986 novas edificacións de uso residencial.
—E cara onde medrará a vila?
—A expansión do solo urbano de Ordes está determinada pola necesidade de remate da trama urbana en toda a súa periferia. Planifícase un crecemento ao norte para mellorar os accesos ao centro de saúde e o PAC; ao oeste para dotar o CEIP Campomaior de novos accesos, e no entorno da cidade deportiva de Vista Alegre en previsión da súa ampliación; ao leste co obxectivo de consolidar a variante executada e prever unha conexión axeitada da rúa Galicia coa AC-524, AP-9 e estrada a Ponte Carreira (Frades).
—Que significará no rural?
—O principal fin é conseguir fortalecer a estrutura parroquial, prevendo dotacións necesarias, ou a ampliación dalgunhas das existentes. Consolidar a estrutura de núcleos rurais, recoñecendo un importante número deles que non aparecían recollidos nas normas subsidiarias, así como recoller na cartografía as edificacións que, a falla de delimitacións axeitadas, xurdiron no solo rústico. En resumo, prever con carácter selectivo ampliacións dos núcleos onde exista demanda acreditada de crecemento.
—Co polígono industrial de Merelle practicamente completo, o plan recolle unha ampliación, e a maiores, un novo polígono en Pardiñas. Demasiado ambicioso?
—É unha previsión realista. O actual polígono de Merelle (3 fases) está todo vendido e en gran medida ocupado, tramitándose proxectos e licencias neste momento, e necesitamos novo solo empresarial ao seu carón, polo que se propón unha ampliación ao carón da Rolda Leste (AC-408) de 279.040 metros cadrados, porque Ordes ten un emprazamento atractivo. O novo polígono de Pardiñas (cunha superficie prevista de 466.210 metros cadrados) estará ao carón da autoestrada, factor decisivo para moitas empresas, e a tiro de pedra dos portos exteriores de Ferrol e da Coruña, e dos aeroportos de Lavacolla e de Alvedro. Son coñecedor das dificultades pola lenta tramitación administrativa e urbanística das empresas para instalarse nas cidades veciñas. Xa lle adianto a nosa intención de implantar un programa de simplificación administrativa para facilitar a implantación de empresas nos polígonos de Ordes. Unha vía rápida para as empresas. Será bo para elas e para todo Ordes.
—Teme que o PXOM lle poida pasar factura nas urnas?
—Gustaríame ter completado a tramitación moito antes. En todo caso, é a mellor demostración de que para nós os intereses da veciñanza están sempre por riba doutras consideracións, mesmo por diante de cálculos electoralistas.
—Unha vez se aprobe o Plan Xeral, a asignatura pendente de Ordes será sacar o tráfico da N-550 do centro. Cando cre que será realidade?
—Efectivamente, ese é un dos grandes retos para a vila de Ordes. Un proxecto moi necesario fora acordado durante unha visita do entón presidente do Goberno Mariano Rajoy a Ordes, no verán do 2015. Como primeiro paso, quedou consignado o orzamento nos Presupostos xerais do Estado do 2018 para a execución da rotonda na saída sur da vila, pero chegou Pedro Sánchez e mandou parar, non executando e posteriormente eliminando esa partida económica. Pese a estes atrancos, teño a seguridade de que, máis tarde ou máis cedo, ese proxecto, e tamén unha nova circunvalación que permita o desdobramento da N-550, se acabará materializando. Con Feijoo na Moncloa abrirase unha nova oportunidade que, sen dúbida, aproveitaremos para executar este proxecto imprescindible. Á súa vez xa temos presentado fai 2 meses na Xunta o proxecto de trazado para a variante da conexión da AC-413 (estrada de Carballo) coa entrada Sur da N-550 en Ordes, bordeando o tanatorio municipal polo suroeste da vila, do cal agardamos poder anunciar novas de prazos nas vindeiras datas. Con esa obra executada eliminarase con total seguridade o tráfico pesado do barrio do Recreo, que actualmente chega ao centro do casco urbán.