Claudia Moar, emprendedora de Ordes: «A xente está volvendo a valorar a artesanía»

Estudou para carpinteira pero comezou a súa andaina profesional facendo xabóns. Agora ten o seu propio negocio de artesanía, Pepa A Loba


Cando nena, Claudia Moar facía pulseiriñas de cores que vendía na rúa para recadar fondos para as excursións de fin de curso do seu colexio de Ordes. Hoxe, despois de case un ano de abrir a súa tenda de artesanía Pepa A Loba, Claudia recoñece que, esquecido certo medo inicial, reforzouse na crenza de que a artesanía ten presente e futuro. O nome elixido para o seu proxecto empresarial fala tamén do seu feminismo e o apego polas raíces.

-¿Con vinte e nove anos, como xorde a idea de abrir un pequeno negocio artesán en Ordes?

-Desde pequeniña tiña en mente montar unha tenda pequena. Coñecín a unha rapaza que tivera un negocio neste local e animeime. Eu xa estaba metida no mundo da artesanía porque facía xabóns que vendía en feiras ecolóxicas e tradicionais. E sempre me gustou ver como traballaban o seu produto outros artesáns e decidín darlle un pouco de visibilidade á artesanía en Ordes, porque non había un espazo destas características.

-Pasou case un ano desde a apertura de Pepa A Loba no centro de Ordes, o seu pobo. Cal é o balance?

-De momento, estou satisfeita. Fago o que me gusta e vaime ben. A tenda tivo boa acollida porque en Ordes non había unha oferta como a que eu vendo agora, un produto galego, artesán e feito a man. Son cousas que non se ven en Ordes e a xente á que lle gusta este tipo de pezas vén ata aquí a buscalas.

-Pensa entón que son bos tempos para a artesanía?

-Hoxe, boa parte da sociedade vai a tiro fixo a mercar ás grandes superficies. Pero tamén creo que nos últimos anos, desde que comecei a facer cousas de artesanía e despois de participar en moitas feiras, vexo que a xente está volvendo a buscar cousas distintas e a valorar a artesanía.

-Apostou por un comercio pequeno no seu pobo aos 29 anos. Por que apenas hai emprendedores da súa idade?

-Vexo que hai moito medo de que as cousas non vaian ben. Ser autónomo non é fácil, sobre todo pola crise económica, pero penso que hai que arriscar e probar, porque, se a cousa sae mal, tampouco é o final.

-Para o pequeno comercio as ventas por Internet son un problema. E hai artesáns que recoñecen que asumir un aluguer non é viable. Cal é a fórmula para facer as dúas cousas?

-O escaparate físico é importante porque dá visibilidade ao teu negocio e estar nunha rúa na que hai movemento axuda no día a día. É certo que as compras por Internet en espazos como Amazon quitan moitas vendas ao pequeno comercio, pero tamén nos axuda moito, non só para vender os teus produtos a calquera sitio, tamén para saber, por exemplo, se un artesán ten dispoñible unha peza e se podes ir a buscala.

-Neste ano de actividade, ata onde chegaron os seus produtos?

-Tiven moitas consultas sobre a miña tenda desde Ourense e Vigo, por exemplo, pero tamén de fóra de Galicia. Grazas ás páxinas de Facebook (Pepa A Loba) e Instagram (lobapepaa) podo chegar a calquera mercado: a proba é que mandei cousas a sitios tan distintos como Córdoba ou Suíza.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Claudia Moar, emprendedora de Ordes: «A xente está volvendo a valorar a artesanía»