Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes: «Cada ano, a veciñanza ten máis implicación na festa»

Emma Araújo LA VOZ

ORDES

PACO RODRÍGUEZ

A cabeceira de comarca ordense reúne a miles de persoas para gozar das actuacións e honrar á patroa

15 ago 2019 . Actualizado a las 12:11 h.

As festas de Santa María de Ordes danlle cada agosto unha vida especial á vila cabeceira de comarca, que tamén celebra ExpoOrdes. Para o alcalde, José Luis Martínez, son dúas citas moi distintas. A que ven de comezar, sinala, «é unha festa que se perde na noite dos tempos, unha tradición e unha experiencia que todos, Administración local e sociedade civil, temos a obriga de continuar e de potenciar».

- Que supón para Ordes celebrar estas festas con tanto arraigo na comarca?

-Nunha sociedade apegada á tradición e aos costumes, como sucede en Ordes e como sucede, estou seguro, en toda Galicia, estas festas xeran un sentimento especial: reunirse coa familia e amigos, o retorno de moitos emigrantes, rememorar tempos pasados, facer plans para o presente e o futuro, gozar das verbenas... As festas forman parte do no noso ser.

- Hai catro anos xurdiu a asociación Festexos de Ordes para conseguir máis implicación da veciñanza. Logrouse?

-Estamos niso, e cada ano avanzamos un pouco máis. Desde sempre, cada parroquia -e falo de Ordes, que é o que coñezo- organiza as súas propias festas, practicamente sen apoios externos, pero na vila de Ordes viviuse un proceso inverso. A sociedade civil foi perdendo protagonismo ata un momento no que o Concello adoptouno todo. Iso é o que pretendemos cambiar, paseniñamente. Cada ano, desde hai catro, estamos a lograr unha maior implicación da veciñanza e dos demais actores sociais da vila. Por iso quero trasladar o meu agradecemento sinceros ás persoas que voluntariamente dedican o seu tempo a este labor, a tamén a todos os particulares, negocios e empresas que colaboran economicamente.

-Entre as novidades deste ano destacan os fogos de artificio e unha cantina par recadar fondos. Son ideas con afán de continuidade?

-Os fogos son unha novidade relativa, xa que iniciativas semellantes acumulan unha longa historia en Ordes. A cantina no campo da festa é novidade este ano, mais non unha sorpresa, dado que desde que eu son alcalde xa apuntei en varias ocasións a esta posibilidade, plenamente normalizada na contorna.

- Están traballando en máis novidades?

-Unha vez celebradas as festas deste ano, analizaremos a aceptación e a resposta da xente e, a partir diso, valoraremos diferentes posibilidades. A idea, loxicamente, é mellorar ano tras ano para incrementar a capacidade de atracción dos nosos festexos. E refírome tanto ás datas centrais, como a toda a programación estival impulsada desde o Concello.

-Cal é a implicación do Concello nestas festas?

-A día de hoxe, o Concello segue a ser o actor principal, especialmente de soporte económico para que o programa poida saír adiante. Creo que en boa parte debe ser así, pois son as festas patronais, pero sempre co respaldo e o apoio da vila, porque non convén esquecer que as festas constitúen un elemento dinamizador para a economía local.