Manuel Fernández Munín, alcalde de Boqueixón: «Non ten sentido que dependamos dos bombeiros de Ordes»

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

CEDIDA

O rexedor revalidou sen problemas a maioría absoluta con sete concelleiros de trece, un menos que hai catro anos

06 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Fernández Munín renovará o cargo de alcalde de Boqueixón pero esta vez como cabeza de lista e con maioría absoluta, aínda que o seu partido, o PP, perdeu unha acta e Veciñ@s de Teo terá catro.

-Que valoración fai do resultado, tendo en conta que é a primeira vez que foi candidato?

-Penso que o resultado avala a miña xestión dos dous últimos dous anos e medio e agardo contar co mesmo apoio. Nas municipais non se vota só ás siglas, tamén ás persoas, e vendo o resultado está claro que confiaron en nós polo que fixemos.

-Despois de ter gobernado case tres anos, e con outros catro máis, como ve o seu futuro político?

-Agora quérome centrar neste mandato e desenvolver os proxectos que temos en marcha. Se dentro de catro anos vexo que todas as promesas que fixemos en campaña están materializadas, si que me podería plantexar deixalo. De todos xeitos, nunha decisión así hai moitos factores a ter en conta.

-E cales son os proxectos e prioridades para o mandato?

-Unha das principais propostas será tratar de conxelar e incluso baixar impostos. Buscaremos fórmulas como reducir os residuos orgánicos facilitando a extensión do plan de compostaxe reducindo a taxa pola recollida e traballar nunha baixada na taxa pola recollida do lixo. Tamén queremos seguir mellorando e humanizando as nosas aldeas e ampliar a rede de saneamento. E temos especial interese en conseguir que a fibra óptica se implante en todo o municipio, xa que se trata dun servizo que, na actualidade, resulta básico para a nosa veciñanza.

-Boqueixón é un concello dos máis pequenos da comarca de Santiago, polo que depende máis de iniciativas supramunicipais. Botou algunha en falta?

-Vimos de catro anos nos que non se puxeron en marcha os proxectos de maior importancia para a comarca. Santiago non se encargou de sacar adiante iniciativas como o parque comarcal de bombeiros, unha necesidade prioritaria para municipios como o noso, porque o que non ten sentido é que Boqueixón teña que depender do parque comarcal de Ordes, cando os de Santiago estarían aquí nunha media de quince minutos. Noutro caso, sen embargo, tardarían case unha hora en chegar. Por iso é tan sumamente necesario desbloquear este proxecto.

-En que medida inflúe na comarca que haxa concellos moi distintos ideoloxicamente?

-Dende o noso concello trataremos por todos os medios que Boqueixón sexa tido en conta dentro da mancomunidade e que teña o peso que merece. Nese aspecto, seguiremos loitando por conseguir proxectos que sexan de interese para nós e para o conxunto da comarca.

-Haberá outra vez un só grupo na oposición, pero máis forte. Que agarda?

-Seguir un pouco na mesma liña deste mandato. Veciñ@s de Boqueixón debe desenvolver o seu labor de oposición, aínda que sempre procuramos manter unha actitude dialogante, especialmente naqueles proxectos de grande interese.